Nestes días tivemos a confirmación de que Ana Pontón será a candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galicia nas próximas eleccións autonómicas. Non había lugar para a sorpresa pois, neste momento, non só non ten rival na organización senón que, ademais, é unha magnífica candidata. Realmente a única que, desde as esquerdas, pode finalizar co longo período conservador, aínda que a día de hoxe este obxectivo aparece como moi, moi difícil de alcanzar por razóns varias. Razóns tanto relacionadas co BNG como co escenario sociopolítico galego.
Porque está fóra de dúbidas que as imaxes que se reflicten da candidata e da súa organización non son totalmente coincidentes, moito máis favorables a primeira pero que ve limitado a súa arrastre electoral polo importante rexeitamento que entre sectores numerosos e decisivos en votos, esperta unha organización que aparece como moi pecha e fortemente sectaria, especialmente o grupo dominante (UPG). Este vai ser un dos retos decisivos para Ana Pontón: ser quen de ofrecer unha imaxe de estadista que desborda amplamente a das organizacións que a elixiron como candidata e líder. Non o ten fácil, porque na política hai inercias partidarias que son moi, moi difíciles de superar. Unha proba será a confección das listas.
Outra será a súa posición definitiva en relación ao movemento sindical galego que representa a maioría das clases traballadoras. Un movemento sindical que en Galicia se articula maiormente ao redor de tres forzas: CIG, CC.OO. e UXT que contan cunha representación moi parella. A organización que lidera Ana Pontón (#BNG) aparece moi fortemente vinculada a unha delas (#CIG), cuxos votos non serán suficientes, de ningunha das maneiras, para levantala á presidencia da Xunta. Neste caso o reto vai ser dobre: por unha banda convencer as tres organizacións e os seus afiliados que quere ser a presidenta de todos os traballadores e traballadores de Galicia e por outra demostrarlle aos seus que non vai ser unha correa de transmisión de ningún sindicato. Unha posición que debería procurar con todas as organizacións e movementos sociais xa que cabe preguntar: con quen pensa impulsar, por caso, o “diálogo social” en caso de presidir a Xunta de Galicia? Cunha soa organización sindical ou co tres?
Ana Pontón, en caso de chegar á presidencia da Xunta de Galicia, precisará dun forte apoio social que compense a debilidade institucional do BNG. Unha debilidade reflectida na súa bamba presenza a nivel local. Logo das últimas eleccións municipais, esta organización, a pesar do importante crecemento experimentado, só conta con 36 alcaldías dun total de 313 (11,5%). Un débil poder municipal que pode ser un lastre importante á hora de gobernar desde a Xunta de Galicia, máis si se tentan aprobar e executar as reformas que precisan os concellos ou si quérese dar a este un papel relevante na gobernanta do país.
Está fóra de toda dúbida que a foto de Ana Pontón coa ministra de Facenda Maria Jesús Montero asinando uns acordos orzamentarios tivo un importante impacto positivo tanto na súa imaxe como no da súa candidatura. Un impacto positivo froito de que son maioría os galegos que queren diálogo e colaboración institucional co goberno central fronte aos que defenden o enfrontamento, a confrontación: Galicia non é o País Vasco nin Cataluña. Un diálogo é unha colaboración que mostra capacidade de incidencia na política española en defensa das maiorías sociais. Para esta estratexia a candidata precisa dotar dunha política sería e coherente para o Estado español e tamén para Europa. Unha política de Estado, non de partido.
Por todas estas razóns o reto ao que se enfronta Ana Pontón é moi grande, a montaña a escalar moi alta, pero Galicia precisa urxentemente dun cambio e, neste momento, quen mellor o representa é esta dirixente política. Pero para subir ao Tourmalet non serve calquera bicicleta por moi bo que sexa o ciclista. Ademais, despois de subir ao Tourmalet hai que subir o resto dos Pireneos...
Escribe o teu comentario