Non houbo tamayazo: É a súa quenda, señor Sánchez!

Manoel Barbeitos
Economista

“2. O candidato proposto conforme ao previsto (...) exporá diante do Congreso dos Deputados o programa político do Goberno que pretende formar e solicitará a confianza da Cámara.
3. Se o Congreso dos Deputados, polo voto da maioría absoluta dos seus membros, outorgase a súa confianza a devandito candidato, o Rei nomearao Presidente. De non obter a devandita maioría, someterase a mesma proposta a nova votación corenta e oito horas despois da anterior, e a confianza entenderase outorgada se obtivese a maioría simple.
4. Si feitas as citadas votacións non se outorgase a confianza para a investidura, tramitaranse sucesivas propostas na forma prevista...” (C.E. Artigo 99)

 

Cumpriuse o guion previsto e non houbo tamayazo, polo que as dereitas extremas (PP/VOX) non conseguiron que o seu candidato, o señor Núñez Feijoó, fose investido presidente polo Congreso dos Deputados. Non o conseguiron porque, a pesar dos seus esforzos, non contaron cos votos suficientes. Esforzos que se dirixiron fundamentalmente en dúas direccións: unha, a de tentar convencer ao PNV e/ou a JxCat de que ben apoiasen a investidura ben se abstivesen (lembrar que na segunda votación só precísase a maioría simple), outra, a de conseguir (como sucedera na Asemblea de Madrid o 30 de xuño do 2003) que parlamentarios do PSOE e/ou de Sumar, traizoasen ás súas organizacións e ao seu electorado non votando negativamente a investidura. Esforzos que resultarían baldíos e que non podendo así evitar o fracaso.


Un fracaso que resulta non a causa das razóns esgrimidas polo candidato (“non estou disposto a pagar os prezos que esixen os independentistas cataláns e aceptar unha lei de amnistía”) senón por que os soberanistas vascos e cataláns (incluso os de dereitas: PNV e JxCat) negáronlle os votos como rexeitamento á súa alianza coa extrema dereita (“para engadir os nosos votos, tería que restar primeiro os 33 de VOX”: Aitor Esteban, portavoz do PNV). Un fracaso que ten como base democrática que esta dereita extrema (PP/Vox) non dispón dunha maioría parlamentaria (172 deputados dun total de 350) nin tampouco social (31,75% dos votos nas últimas eleccións xerais) que a apoie. Unha falta de apoio que deriva duns modos e unhas estratexias políticas que provocan un amplo repudio político e social.


En relación ás estratexias resulta indiscutible que a súa alianza coa extrema dereita franquista (Vox) lévalles a manter unha oposición frontal (auténtica confrontación) coas forzas soberanistas, o que supón que a alianza con estas, imprescindible para alcanzar unha maioría parlamentaria, sexa inviable. Unha realidade que tamén pon en evidencia como mentres as dereitas extremas non asuman a realidade dunha España moi plural terán moi, moi difícil alcanzar a presidencia do Goberno de España.
 

Con respecto aos modos cabe lamentar que as dereitas sociais españolas non aposten definitivamente por uns lideres e uns dirixentes políticos auténtica e sinceramente demócratas que, como talles ademais de utilizar formas políticas democráticas, respecten ao resto das forzas e non abandonen nunca a senda democrática. O comportamento político do señor Núñez Feijóo e da maioría do seu equipo, propio dunha taberna, confirma esta carencia que, por outra banda, resta máis que suma aliados, como puidemos comprobar no debate de investidura (“É dun partido de Estado lanzar arengas contra a metade da poboación do teu país?”. Aitor Esteban portavoz do PNV).


Uns apuntamentos finais sobre as forzas soberanistas catalás sacados da realidade actual: 1. Nin o estado español é a antiga URSS nin Cataluña é unha república báltica. 2. Nas últimas eleccións xerais (23J) as forzas independentistas só sacaron o 30,12% dos votos cataláns. E 3. Tanto ERC como JxCat sufriron unha moi importante perda de votos: 500.000 en conxunto (preto dun 40%). Non ter en conta estas realidades levaraas a novos fracasos políticos. Non por casualidade, cada día que pasa, o señor Salvador Illa (PSC) está mais preto de ser o próximo Presidente da Generalitat.


Volvendo á investidura, sinalar de novo que non houbo tamayazo: É a súa quenda, señor Sánchez!

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE