A imposible investidura do señor Feijóo

Manoel Barbeitos
Economista

A aritmética electoral fixo que os partidos soberanistas do Pais Vasco e Catalunya (non así os de Galicia, para a nosa desgracia) sexan decisivos á hora de formar novo goberno. Conxuntura que aqueles parecen afrontar con distintos enfoques (que considero lexítimos en ámbolos dous casos) aínda que con uns mesmos interlocutores preferentes: PSOE e Sumar. Unha decisión esta que confirma o subliñado no artigo anterior neste mesmo medio (https://gal.galiciapress.es/artigo/opinion/2023-09-02/4420976-viacrucis-feijoo) sobre  a crecente soidade, no escenario político español, das dereitas extremas (PP/VOX). Soedade que fai practicamente inviable a investidura do señor Núñez Feijóo como Presidente do Goberno, algo que era perfectamente previsible polo que non poucos se preguntan por cales foron as razóns últimas que levaron ao Xefe de Estado a propoñelo como candidato a Presidente do Goberno (C.E.: Art.99.1).

 

Fronte aos que critican esta decisión eu penso que politicamente a democracia española vai saír gañando. Varias son as razóns que me levan a facer esta avaliación. A primeira que o escenario político que deixaron as eleccións xerais do 23J é o que é e lle corresponde aos partidos políticos moverse e buscar solucións. Un escenario no que o Partido Popular (PP) aparece non so como o partido con máis deputados (136) senón tamén como o que, inicialmente, conta con máis apoios (172) fronte a candidatura alternativa (PP/Sumar: 153). Por estas razóns resulta correcto que o señor Núñez Feijóo acuda ao Congreso e así poida acreditar se, como el afirma, ten ou non a maioría suficiente para gobernar. Non parece menor o argumento de que esta comparecencia tamén servirá para que os cidadáns dos pobos de España podamos por fin coñecer o seu programa de goberno.

 

Neste contexto, vista a negativa duns partidos soberanistas que aparecen como imprescindibles para conseguir a maioría parlamentar, a única baza que lle queda ao señor Feijóo para poder sacar adiante a sesión de investidura e ser nomeado Presidente (Art. 99.3 C.E.) sería a de conseguir que un número de deputados (un mínimo de catro) do PSOE e/ou Sumar ben lle den o seu voto na primeira votación ben se absteñan na segunda. En definitiva que se produza “un novo tamaiazo” algo ao que parece que estas dereitas extremas están dedicando os seus esforzos e para o que tentan aproveitar as saídas de ton de destacados membros da vella garda socialista (Felipe González, Alfonso Guerra, Emiliano García Page...) a quen, polas súas declaracións, ben parecera que se lles parou o reloxo da historia.

 

Aínda que en política poden suceder as cousas máis imprevisibles todo camiña na dirección dunha derrota parlamentaria do Partido Popular (non hai que desbotar a posibilidade de que finalmente o señor Feijóo renuncie a presentar a súa candidatura) e que entón o Xefe de Estado encargue a Pedro Sánchez a procura de formar goberno. Polas súas últimas actuacións atreveríame a sinalar que o señor Núñez Feijóo empeza a seren consciente da situación real, pois parecera que o seu obxectivo agora se centra máis en conservalo liderado dentro do Partido Popular (PP) que en conseguir gañarse a confianza da Cámara e ser nomeado Presidente.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE