O viacrucis de Feijóo

Manoel Barbeitos
Economista

Seguramente que nin nos seus peores pesadelos o señor Núñez Feijóo soñou con que o seu transito polo escenario político español ía seren como realmente está sendo. Pero isto é o que pode suceder cando se fan malas lecturas políticas, que a realidade resulta moi diferente as expectativas levantadas.

 

Malas lecturas políticas que neste caso empezaron coa crenza de que as sucesivas maiorías absolutas alcanzadas polo PPdeG nas catro últimas eleccións autonómicas foron grazas a talla como político e estadista do seu candidato, o señor Núñez Feijóo. Grande erro por que as evidencias históricas veñen confirmando, dende fai xa décadas, que o PPdeG é un partido cun grande arraigo social en Galicia tal que pode garantir, sexa cal sexa o seu candidato, recorrentes maiorías electorais.

 

Unhas maiorías electorais que, ademais do acceso a Presidencia da Xunta, lle permitiu ao PPdeG aprobar uns regulamentos parlamentarios “ad hoc” cos que mantén un control absoluto do funcionamento da cámara lexislativa galega. Un control que se estende aos medios públicos (CRTVG) e a unha maioría dos medios privados que non serían quen de subsistir sen as subvencións públicas. Controles que todos estes anos se puxeron ao servizo do lucimento persoal do señor Feijóo a quen presentaron como un grande político e estadista. Algo que, de ningures, respondía a realidade como agora se pode veren.

 

Esta imaxe terxiversada do político galego, favorecida pola crise interna que atravesaba o Partido Popular (PP) coa dimisión do señor Casado, permitiulle a aquel aterrar na política española cal si fora un novo Cid Campeador capaz de derrotar ao “sanchismo” e de dar fin a un “goberno ilexítimo”. Na súa defensa hai que subliñar que a esa crenza contribuíron decisivamente tanto un sector do Partido Popular (PP) como numerosos medios de comunicación e opinión privados que fabricaron incontable enquisas “ad hoc” nas que se lle garantía ao Partido Popular, encabezado polo señor Núñez Feijóo, unha vitoria rotunda tanto nas inmediatas eleccións autonómicas e locais como nas futuras xerais.

 

Uns prognósticos que, como logo se demostrou, ignoraron varios factores que serían decisivos. En primeiro lugar que a presencia institucional do novo líder da oposición quedaba constrinxida ao Senado unha cámara con moita menor resonancia que o Congreso de Deputados. Por si este non fora xa un atranco moi importante houbo que sumarlle a evidencia de que o señor Núñez Feijóo é un orador e tribuno dunha enorme pobreza política, intelectual e dialéctica. Déficit que se fixo moi evidente ao non contar agora cuns medios públicos aos seu servizo nin uns privados onde as voces críticas foran minoritarias: a pesares das dificultades resulta indiscutible que hai unha maior liberdade de información e opinión a nivel de estado que a nivel galego. Finalmente que, a pesares dos tremendos ataques recibidos desde diferentes frontes (medios de comunicación e opinión, maxistrados, aparatos do estado....) e de non poucos erros o goberno de quenda (PSOE/UP), gracias as súas políticas progresistas, segue gozando dun amplo apoio popular. Unha evidencia que o señor Núñez Feijóo, imbuído dunha enorme soberbia alimentada pola súa tropa, non foi quen de avaliar na súa xusta medida.

 

Soberbia que se viu alimentada polos magníficos resultados que o seu partido obtería nas eleccións autonómicas e locais (28 de maio). Uns resultados trampa, por que si ben o Partido Popular (PP) tivo un grande incremento electoral este non foi suficiente para evitar ter que acudir as alianzas para acadar poder. Obsesionados por “derrotar ao sanchismo” os dirixentes dese partido optaron por aliarse coa extrema dereita (VOX) unha estratexia que si ben lle serviu para incrementar espectacularmente o seu poder autonómico e municipal tamén supuxo que o Partido Popular (PP), con o señor Nuñez Feijóo como líder, aparecera diante da opinión pública como un partido de dereita extrema, franquista.

 

Unha imaxe que mobilizou ao electorado progresista cara as eleccións xerais celebradas a continuación (23 de xullo) nas que a pesares da brutal ofensiva mediática e xudicial as dereitas extremas (PP, VOX) aínda sumando mais votos que os partidos do goberno anterior (PSOE/UP) non foron quen de acadar a anunciada maioría absoluta. Uns resultados que, en contra das expectativas previas, marcaron o inicio do viacrucis do señor Núñez Feijóo quen non parecera contara co escenario político que se abriu a continuación.

 

Precisado de procurar aliados para poder acceder a Presidencia do Goberno atópase con que as súas alianzas coa extrema dereita (VOX) lle pechan as portas as necesarias alianzas con, por caso, as dereitas periféricas (PNV, Junts...) conseguindo so contar cun apoio insuficiente (VOX, UPN, CC). Paralelamente a súa innata querenza polas trolas e os embustes reflicte a imaxe dun político inconsistente e pouco fiable (capaz nunha semana de pasar de ter como obxectivo derogar o sanchismo a propoñer unha alianza estrambótica co mesmo) que provoca un crecente rexeite entre os políticos demócratas. Escenario no que o candidato (nomeado segundo “a costume”) se enfronta agora “a unha elección practicamente imposible, salvo manobras delitivas ou atentados contra a democracia” (J. A. MARTIN PALLIN).

 

Neste marco, o que as dereitas extremas esperaban fora un paseo triunfal do señor Núñez Feijóo ao Palacio da Moncloa, moi probablemente sexa un longo viacrucis que marque o principio do fin da traxectoria política do señor dos Peares.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE