Non pasa día sen que as dereitas extremas (#PP/VOX) e os seus apoios non poñan de manifesto o seu moi particular concepto da democracia (“a democracia é móbil”). Así, visto que os resultados das últimas eleccións xerais non coincidiron coas súas expectativas de lograr unha maioría absoluta parlamentaria, deciden reclamar o seu dereito natural a formar goberno por ser a forza máis votada á vez que acusan ao PSOE e a Sumar de querer subvertir a vontade maioritaria. Desta forma, para estas non conta que segundo a Constitución Española é o Congreso dos Deputados quen “outorga a confianza...ao candidato proposto polo Xefe do Estado” que a continuación deberá ser nomeado Presidente por aquel (Art. 99). Posteriormente, os demais membros do Goberno serán tamén nomeados polo rei a proposta do novo Presidente (Art.100). Queda, por tanto, moi claro que é o Parlamento, como resulta preceptivo nunha democracia parlamentaria, quen elixe ao Goberno de quenda.
Aínda que o mandato constitucional está moi claro e que as contas non lle dan ao Partido Popular, o seu portavoz, o señor Núñez Feijóo, declara estar disposto a concorrer a unha investidura pois o señor Sánchez “ten menos apoios”. Unha posición política que resultaría razoable e lexítima se non fose acompañada de argumentos que, unha vez máis, deixan en evidencia o concepto totalitario que teñen dunha democracia parlamentaria. Así, e por boca da señora Cuca Gamarra, secretaria xeral do PP, critican ao PSOE e a Sumar pola súa negativa a facilitar un goberno minoritario do Partido Popular e por “non recoñecer que perderon as eleccións”. Remachando esta acusación con outra aínda máis extravagante de que “os únicos países onde non se recoñece a quen gana son aqueles en os que as eleccións non son transparentes”.
Como podemos comprobar as dereitas extremas españolas non cesan de utilizar as mentiras e as postverdades para tentar xustificar as súas ambicións políticas aínda cando estas non sexan referendadas democraticamente. Así, volven ignorar deliberadamente que nunha democracia parlamentaria como a española a elección de Presidente precisa en primeira votación do voto “da maioría absoluta dos membros do Congreso dos Deputados” (Art.99.3) ou, en segunda votación “da maioría simple” (Art. 99.3). En definitiva que, como sinalaba antes, o Congreso dos Deputados é quen inviste ao Presidente e ao seu goberno. Un principio democrático que posibilita que en moitos casos non goberne o partido máis votado. Así sucede en moitos estados da Unión Europea como, por caso, en Bélxica, República Checa, Suecia, Eslovaquia, Irlanda, Chipre e Luxemburgo, aínda que en realidade o mandato político de que goberne o partido máis votado non existe en ningún estado europeo. Resultaría entón que en ningún destes estados “as eleccións son transparentes”?
Un argumento que roza a desvergoña cando se acompaña de condutas políticas totalmente contrarias ao que se predica como está a suceder en moitas autonomías e concellos onde el Partido Popular (#PP) non ten reparos en acceder ao goberno (Estremadura, Castela e León, Aragón, País Valencia, Cantabria, Canarias, Baleares...) ben sen ser o partido máis votado ben sen ter a maioría parlamentaria suficiente polo que precisou do apoio de VOX e/ou doutras forzas rexionalistas.
Con esta estratexia filistea están a preparar o terreo para si, por caso, o goberno anterior (#PSOE/UP) repite mandato (#PSOE/Sumar) grazas a un amplo apoio parlamentario, acudir de novo ao seu deslexitimación (“goberno ilexítimo”) e descualificación (“goberno Frankstein”) para o que volverán contar co apoio tanto de caverna mediática como da homóloga xudicial. Así, esta última xa está a se anticipar no intento de impedir que se forme esa maioría parlamentaria: a Sala de vacacións do Tribunal Constitucional (dominada polos maxistrados conservadores: 2 a 1) vén de aprobar non admitir a trámite o recurso presentado polo expresidente da Generalitat de Catalunya, señor Puigdemont, contra a orde de detención ditada contra el. Unha actuación aleivosa (a primeira vez que o TC non admite un recurso) e nocturna (ausencia, por vacacións da maioría dos maxistrados do TC) que ten como obxectivo encuberto provocar un enfrontamento entre JuntsxCat e os partidos que queren formar un goberno de progreso (#PSOE/Sumar) tal que aqueles néguenlle a estes o apoio parlamentario necesario para repetir mandato.
Comportamentos propios de dereitas extremas para as que “la democracia é móbil cal pluma ao vento”.
Escribe o teu comentario