VOX oponse ao tratado internacional que negocia a OMS (Organización Mundial da Saúde) para reforzar a prevención, a preparación e a resposta mundial ante futuras pandemias.
A pandemia da COVID-19, a máis mortal da historia (segundo a OMS foron case 6,5 millóns as persoas falecidas por esta pandemia), deixounos varios ensinos que non me deberiamos desprezar e moito menos esquecer.
Unha dos ensinos sería que a crecente presión que a actividade humana vén exercendo sobre o mundo animal (orixe de todos os virus) leva a pensar aos científicos que os riscos ben dunha nova variante da COVID ou ben dunha nova pandemia (que moi probablemente podería ser mais virulenta e perigosa) son, neste momento, moi elevados. Non menos relevante é o ensino de que os recortes do gasto público en funcións de benestar, como a atención sanitaria, a vellez e a familia diminuíron a capacidade de resposta dos Estados fronte á pandemia, provocando así que o número de falecidos fose moi superior ao que sería mester. Moitos Estados da Unión Europea (entre eles España) que apostaran pola “austeridade expansiva” foron unha proba de tal evidencia. Basta con comparar o número de mortos nos países escandinavos (Dinamarca, Finlandia, Noruega: entre 300 e 600) cos doutros estados europeos de parecido nivel de renda (Alemaña, Francia, España que superaron os 1.500, Italia e Gran Bretaña os 2.000).
Outro ensino foi que aínda que as vacinas demostraron a súa eficacia, os intereses da industria farmacéutica que controla a súa comercialización (buscando a máxima ganancia) primaron sobre a saúde dos cidadáns, provocando enormes diferenzas no tratamento tanto entre o Norte e o Sur como entre Estados dun mesmo continente. Diferenzas que impediron, e seguen impedindo, evitar os riscos de novas pandemias, xa que estarán aí mentres millóns de persoas no mundo sigan sen vacinar.
Igualmente, a aposta dos gobernos do Norte polo capital financeiro e especulativo en prexuízo do capital produtivo (froito da división internacional do traballo) trouxo como consecuencia, por caso, que durante a pandemia os estados de occidente (Europa, Estados Unidos) atopásense sen o material necesario para o seu control (máscaras, probas de antígenos, aerosois...) e pasasen a depender doutros estados como, de forma moi especial, de China.
Finalmente, e en relación a España, o comportamento das dereitas extremas (#PP/VOX) durante a pandemia foi miserable, votando en contra do estado de alarma, sacando manifestacións en contra do goberno, ao que non deron tregua no Congreso e ao que chegaron a culpar das mortes pola pandemia. Miserable e moi perigoso cando, como está a suceder agora, da man destas dereitas están a entrar nas institucións públicas (Gobernos e Parlamentos autonómicos, Concellos...) políticos e políticas que son, por caso, antivacunas.
Con estes antecedentes debería preocuparnos a posibilidade de que estas dereitas extremas cheguen a gobernar xa que as súas posturas anteriores ("Os contaxios están a producirse, entre outras cousas, polo modo de vida que ten a nosa inmigración en Madrid", Isabel Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid), a realidade presente e as súas promesas futuras (o candidato do Partido Popular, señor Núñez Feijóo, afirma que en caso de liderar o Executivo español trasladará o modelo sanitario galego a España, a pesar do gran rexeitamento que aquel sofre en Galicia: son unha moi perigosa ameaza para a saúde e a vida dos cidadáns dos pobos de España.
As maiores garantías para poder facer fronte ben ás novas variantes da COVID ou ben ás novas pandemias están na cooperación internacional (como propón a OMS), na recuperación e fortalecemento das funcións públicas de benestar e na produción pública tanto de vacinas como de material de control (para que se atopen ao alcance de todo o mundo independente do país de que se trate). Unhas garantías que as dereitas extremas (#PP/VOX) cos seus enfoques políticos (oposición ás propostas da OMS, aposta polos recortes e as privatizacións) e ideolóxicos (antivacunas) non ofrecen senón todo o contrario.
Non se pode xogar a ruleta coa vida e a saúde das persoas que teñen que estar por encima dos prexuízos ideolóxicos, os intereses partidarios e os egoísmos económicos.
Escribe o teu comentario