As auténticas razóns dunha derrota electoral

Manoel Barbeitos
Economista

Marca histórica (maio 2023) en España, e en Galicia, de traballadores ocupados 
co nivel de desemprego mais baixo desde 2008.

 

Non comparto moitos das análises que se están facendo sobre as razóns dos resultados habidos nas pasadas eleccións municipais e autonómicas nas que os esquerdas gobernantes en España (#PSOE/UP) recibiron un duro, e na miña opinión inmerecido, castigo.


Cando a cidadanía apoia cos seus votos, e de forma tan maioritaria, a organizacións políticas (#PP, VOX...) que defenden e practican a corrupción, o totalitarismo, a desigualdade, a violencia de xénero, a visión mais retrógrada do catolicismo. Cando ademais o fan en contra de organizacións políticas (#PSOE, UP...) que defenden a liberdade, a igualdade e a fraternidad entre cidadáns e pobos. Cando isto sucede é evidente que estamos diante dunha crise ética e moral


Cando unha porcentaxe moi elevada das clases traballadoras danlle as costas ao goberno español que en democracia máis se preocupou por elas. O goberno que mais medidas aprobou (reforma laboral, subidas do SMI e das pensións, ingreso mínimo vital, tope de alugueres, imposto ás grandes fortunas, tope aos prezos dos combustibles, derrogación do despedimento por baixa médica, violencia de xénero, axudas para as persoas dependentes e para as familias, lei de vivenda...) en beneficio das clases e sectores máis desfavorecidos parece evidente que algo fallou na xestión gobernamental. Algo tan importante como o relato. Velaí o gran fallo destes partidos: non dar a batalla ideolóxica, a batalla polo relato, porque non é que a perdesen, senón que realmente non a deron. Non deron a batalla nun momento no que resulta evidente que en España, como practicamente en toda Europa, hai unha crise ética e moral que está a favorecer o auxe das dereitas extremas.


Unha crise ética e moral que alimentan moitos medios de comunicación e opinión privados (televisións, radios, prensa escrita, redes sociais...) difundindo continuamente trolas (fake news) tanto sobre este goberno español como sobre os seus membros e familiares. Trolas que son auténticas mentiras perfectamente coñecidas pero que buscan, e con frecuencia conségueno, enganar á cidadanía dando unha visión moi negativa á vez que pesimista da situación que non se corresponde coa realidade: non por casualidade España está a sortear a crise mellor que moitos outros estados europeos. Unha actuación que pon en evidencia como eses medios defenden intereses corporativos á vez que desprezan os xenerais.
 

Neste escenario mediático seguramente que este goberno fallou na explicación (no relato) de que as medidas progresistas que aprobou e puxo en marcha non só benefician a sectores concretos senón ao conxunto do estado: por caso, as subidas do SMI non benefician só aos traballadores con peores salarios, senón tamén a toda a sociedade, xa que fortalecen a demanda colaborando así ao crecemento económico e a creación de emprego como se está vendo. Fallou tamén na explicación (no relato) de que as medidas que defenden as dereitas (“destruír todo construír”) van exclusivamente en beneficio dun sector moi minoritario, pero en prexuízo da inmensa maioría e, por tanto, do conxunto dos pobos de España, pois fomentan a desigualdade e os desequilibrios territoriais, frean a creación de emprego, destrúen o benestar e provocan recorrentes crises como nos ensinan as experiencias das últimas décadas.
 

Velaí o maior fallo destas esquerdas: esquecer da batalla ideolóxica. Neste escenario a solución non pasa nin por facer o harakiri nin por inventar novos líderes (que nalgún caso de novos non teñen nada) senón pola defensa das ideas e as políticas propias, polo recoñecemento dos erros cometidos e por unha maior valentía política. A solución pasa por un máis fluído e regular diálogo coa cidadanía e pola mobilización social: hai que facer política tamén fóra das institucións e dos partidos políticos. 
Un diálogo e unha mobilización que sexan quen de convencer á sociedade civil de que a esquerda plural (ideolóxica e territorialmente) xunto aos seus aliados políticos e sociais son, como nos ensina a historia, quen mellor defenden os intereses individuais e colectivos dos pobos de España fronte aos totalitaristas (#PP/VOX): antes, agora e no futuro.
 

A hexemonía política ten que ser tamén unha hexemonía social e ideolóxica.
 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE