Moción de censura ou esperpento?

Manoel Barbeitos
Economista

É difícil cualificar o sucedido días atrás no Parlamento español porque se acudimos ao que se define constitucional e legalmente como moción de censura está claro que non foi iso. Que foi entón? Un esperpento político protagonizado por un partido (VOX) que demostra claramente que non respecta á democracia e por un señor (Ramón Tamames) a quen os anos lle xogan malas pasadas pero non desculpan o seu apoio claro á extrema dereita: se lle debe xulgar polo que di e fai hoxe en día non polo que dicía e facía hai décadas. 

 

Por que non foi unha moción de censura?. A moción de censura está regulada pola Constitución española (art. 113). Trátase dun procedemento parlamentario que permite ao Congreso dos Deputados retirarlle a confianza ao Presidente do goberno, que terá entón que dimitir, o que leva carrexado o cesamento do Goberno en pleno. Un procedemento que esixe a presentación dun candidato alternativo ao Presidente e un programa de Goberno. Ningunha destas dúas condicións deuse na sesión parlamentaria -nin candidato nin programa- polo que cabe cualificala como esperpento político que deixa en moi mal lugar aos seus promotores (VOX) e ao defensor da moción (o señor Ramón Tamames).

 

Que non fose unha moción de censura propiamente dita non significa que non permita unha serie de lecturas políticas, sacadas das distintas intervencións polos diferentes lideres e lideresas, que si teñen o seu interese. En primeiro lugar as intervencións do señor Santiago Abascal, Presidente de VOX, deixaron en evidencia que a extrema dereita española é bastante máis ultra que as súas homólogas en Europa (Francia, Italia, Suecia, Polonia...). Basta para confirmalo citar algunha das súas desafortunadísimas intervencións como, por caso, cando cualifica ao Presidente de Goberno, o señor Pedro Sánchez, de indigno, mentirán, déspota, cruel... Ou cando para criticar a lei trans chama dexenerados aos activistas LGTBI. As súas insultantes alusións a lei do "só si é si" -acusando de favorecer que crezan os delitos de violación cando a OCDE di que España mellora en igualdade grazas a esa lei-. Cando para criticar a Lei da memoria histórica acusa aos seus promotores de estar empeñados en profanar tumbas... Todo un cúmulo de barbaridades que deixan en evidencia o subliñado anteriormente -que a extrema dereita española é a máis ultra de Europa- algo que debería pór en alerta a todos os demócratas.

 

Que a liña que supostamente debería separar a dereita democrática (#PP) da extrema dereita (VOX) é tan fina que na práctica non existe. Por si había dúbidas, o debate de investidura deixou moi claro, para quen o queira ver, que se as próximas eleccións xerais dan maioría parlamentaria a suma do Partido Popular (#PP) e VOX, estes gobernaran xuntos. Unha opción que supón inequivocamente que o Partido Popular (#PP), como estamos a comprobar nos gobernos de comunidades autónomas (Castela León, Andalucía, Madrid...), non terá problemas por asumir moitos dos enunciados de VOX. Isto tamén confirma que o Partido Popular (#PP) no que é equiparable a moitas das dereitas democráticas de Europa. O propio comportamento do seu Presidente, o señor Núñez Feijóo, faltándolle ao respecto ao Parlamento non acudindo a moción de censura non casa co que se espera dun líder demócrata: por caso, desde a Comisión Europea -liberalconservadora- veñen de pedirlle que faga "unha oposición construtiva".

 

Finalmente, non resulta arriscado subliñar que esta moción de censura seguramente favoreceu ao goberno de quenda (#PSOE/UP). O contraste entre as intervencións, tanto na forma como no fondo, dos portavoces de VOX e PP e dos líderes do PSOE (Pedro Sánchez) e UP (Yolanda Diaz) foi tan brutal que, a pesar do que nos queiran convencer as enquisas "ad-hoc", é seguro que o goberno de quenda (#PSOE/UP) ten hoxe máis cerca a posibilidade de repetir que onte, pero poida que menos que mañana. Realmente esa posibilidade está máis nas súas mans que nas da oposición.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE