A batalla por ocupar a dereita extrema

Manoel Barbeitos
Economista

Como resumo do sucedido nesta última semana, que enlaza perfectamente co subliñado no artigo anterior, podemos dicir que "Vox entra en campaña e descoloca ao Partido Popular (#PP)". Porque se este partido tiña decidido entrar sen sobresaltos na vía da dereita extrema, puido comprobar que esa travesía non lle será sinxela -algo que lle está pasando a moitos partidos conservadores en Europa- nin, por tanto, seralle tan fácil chegar a Moncloa como vaticinan as enquisas "ad hoc".

 

A inicial decisión tomada por VOX de presentar unha emenda ao Anteproxecto de lei de reforma da Lei orgánica 2/2010 sobre a interrupción voluntaria do embarazo, consistente en obrigar aos médicos e médicas a escoitar o latexado fetal ás mulleres que queiran abortar, colocou ao Partido Popular (#PP) nunha situación politicamente moi incómoda. Non por que discrepe na oposición a lei do aborto, velaí a súa iniciativa diante do Tribunal Constitucional -recorrendo a Lei do aborto do goberno de Zapatero- as súas medidas antiabortistas en Galicia -lémbrese, por caso, a ILP antiabortista coñecida como REDMADRE (2007), a posterior Lei de apoio a REDMADRE (2010) e o Plan de apoio á muller embarazada- ou as declaracións do presidente da Xunta de Galicia, señor Rueda, asumindo como propias esas propostas de VOX, senón polas formas e os tempos. Polas formas porque non quere que sexa VOX quen leve a iniciativa política antiabortista. Polos tempos porque pensa que se o Goberno de Castela e León asume finalmente a iniciativa de VOX daríalle ao Goberno español de quenda (#PSOE/UP) a baza de presentar diante do TC un recurso que ten todas as de gañar, o que sería visto como unha derrota política do Partido Popular (#PP). Unha derrota con máis que posibles custos electorais aos que seguramente habería que sumar os derivados da evidencia de que España é un dos estados da Unión Europea onde o apoio cidadán á interrupción voluntaria do embarazo é máis maioritario: unha porcentaxe 20 puntos superior á media europea

 

Como dixemos no artigo citado anteriormente, entramos nun ano no que veremos unha campaña electoral moi longa, poida que dure todo o ano, e probablemente tamén moi dura. Unha campaña que ao Partido Popular (#PP) e, por tanto, ao seu presidente, o señor Núñez Feijóo, pódeselle facer eterna por dúas razóns, entre outras varias. A primeira porque VOX vai loitar con dureza, saltar as normas democráticas se o ve necesario, non só por conservar o espazo de extrema dereita no escenario partidario, senón tamén por aumentalo, o que implicará confrontar co Partido Popular (#PP). A segunda, porque pode suceder que a fórmula gobernamental que lle permitiría acceder á presidencia do Goberno de España -unha coalición PP/Vox-  estale na súa primeira experiencia como é o caso de Castela e León. Unha explosión que, ademais de salpicar aos gobernos autonómicos de Madrid e Andalucía, tamén en mans do Partido Popular, danaría a súa imaxe en vésperas electorais.

 

Por todas estas razóns, a estratexia deste partido (#PP) querendo ocupar o espazo da dereita extrema, para así conseguir a "maioría natural" da que falaba o señor Fraga, está ante a posibilidade certa de cultivar o primeiro fracaso neste ano electoral. Porque, aínda que non estale, o dano á imaxe do goberno autonómico, e por tanto da coalición partidaria, xa está feito.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE