A persecución a Podemos: reflexo dunha democracia acosada

Manoel Barbeitos
Economista

A democracia española é, hoxe por hoxe, unha democracia acosada. Acoso que afecta a todos os demócratas

 

 

Estes días asistimos a confirmación de algo que veño denunciando neste medio  dende fai xa algún tempo: a persecución política, policial, xudicial e mediatice dun partido democrático , Podemos. Unha persecución para a que se utilizaron tanto medios gobernamentais          –ministerios- como as chamadas cloacas policiais –comisarios- pero na que tamén colaboraron sectores franquistas do poder xudicial –maxistrados- e a caverna mediática        –medios de comunicación e periodistas sen códigos éticos-. Unha persecución que tiña un obxectivo central: retirar do escenario político a un partido democrático. Non hai que estenderse moito para describir a enorme gravidade destas actuacións mais propias dunha ditadura que dunha democracia pluralista como a española que na súa Constitución recoñece aos partidos como instrumentos fundamentais da participación política (Art. 6 da C.E)

 

Para mellor entender, nunca xustificar nin comprender, as razóns desta persecución hai que retraerse ao nacemento de Podemos, en concreto ao fenómeno social do 15M que foi o alimento que fixo agromar a aquela organización. O motor político e ideolóxico do 15M foi a "indignación" de unha gran parte da poboación, moi especialmente xente moza, diante dos enormes e, xa que logo, inxustificados privilexios das elites españolas. Unha indignación que levou a que o movemento, e posteriormente o partido, puxeran o foco reivindicativo nesas elites por consideralas causantes non so dunha desigualdade crecente (“non nos representan”) como dunha insoportable corrupción (“non hai pan para tanto chourizo”). Unha protesta que, como se puido ver, tiña unha grande aceptación entre un sector non menor da poboación dos pobos de España: nas eleccións xerais de 2015 recibirían o apoio de 5.289.463 votos (27%) que lle permitiron sacar 69 deputados e 16 senadores. Un resultado espectacular que puña as claras que a mensaxe reivindicativa de Podemos tiña unha importante aceptación popular.

 

Fronte a esta nova situación política as elites puxeron todo o seu grande arsenal         -político, represivo, xudicial, mediatice- ao servizo dunha estratexia dirixida tanto ao acoso e derribo dos dirixentes de Podemos como a expulsar a esta organización democrática do escenario político español. Así durante todos estes anos puidemos ver como as portadas dos periódicos, as actuacións de representantes do poder xudicial -23 expedientes xudiciais arquivados-, a utilización partidista das cloacas do estado.... puxeron a Podemos na diana dos seus ataques sen que  importara que as trolas e os infúndeos –acórdanse das acusacións de financiamento ilegal de Podemos por parte de Venezuela e de Irán?- foran a base argumental dos seus ataques. Sen que tampouco importara que os métodos, en non poucos casos –como sucedeu, por caso, co acoso aos fillos da parella Iglesias-Montero- foran claramente mafiosos, delitivos.

 

Unha persecución que, como agora se está vendo, puxo en evidencia  tanto a natureza e comportamento dos principais partidos das dereitas (PP e VOX) de matriz claramente franquista, como que nos aparatos do estado e no poder xudicial aínda sobreviven, a pesares de levar case cincuenta anos de democracia, persoeiros que son claramente inimigos da democracia. Partidos, aparatos do estados e poder xudicial que contan coa cobertura mediática da popularmente coñecida como caverna que forman medios de información e comunicación privados cuxa principal prioridade é atacar a partidos e políticos demócratas, organizacións sociais independentes e persoas de indiscutible prestixio social. Medios de información e comunicación que son un auténtico lixo e que fan un dano enorme a tan digna profesión.

 

Non podo, por outra parte, deixar de lamentar o comportamento que durante todo este tempo mantiveron os partidos tradicionais das esquerdas que, lonxe de mostrar a súa solidariedade con Podemos, parecera en non poucos casos que pensaran que tal ofensiva lles beneficiaba. Resulta, por caso, lamentable tanto o silencio de Pedro Sánchez como a inanición da Fiscalía Xeral fronte as últimas revelacións sobre tal persecución.

 

Tremendo erro por que todas estas evidencias conducen a conclusión de que a democracia española é, hoxe por hoxe, unha democracia acosada. Acoso que afecta a todos os demócratas


 

Ferreras director de Al Rojo Vivo en la Sexta
Ferreras director de Al Rojo Vivo en la Sexta

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE