Martiño Noriega defende a pancarta en favor da sanidade pública
O rexedor compostelán sae ao paso ante as críticas do PP, amparándose na aprobación do pleno municipal.
A colocación dunha pancarta colgada do balcón do Pazo de Raxoi, sede do Consistorio de Santiago de Compostela, levantou bochas nalgúns grupos. Como resposta, Martiño Noriega, alcalde compostelán, defendeu que a pancarta en defensa da sanidade pública está "avalada" por unha moción debatida no pleno municipal e enmárcase nas "competencias" da Alcaldía.
O rexedor por Compostela Aberta pronunciouse deste xeito ao ser preguntado polos xornalistas sobre as críticas formuladas polo portavoz do PP local, Agustín Hernández, quen considera que, con esta acción, faise un uso partidista da sede do goberno local. Sobre iso, Martiño Noriega asegurou que o do Partido Popular é o "único portavoz" que non concorda co feito de colocar unha "pancarta en apoio á sanidade pública", iniciativa que coincide coa celebración este domingo, día 4 de febreiro, dunha manifestación na capital galega para reclamar a retirada da reforma da Lei de Saúde.
"Estamos amparados polo acordo plenario e polo exercicio das competencias e cremos que a pancarta é o suficientemente clara como para que todo o mundo estea de acordo, é en defensa da sanidade pública, non fai ningún tipo de convocatoria nin nada máis", subliñou.
En concreto, nela pódese ler 'SOS Sanidade Pública, Sanidade pública en perigo, defendámola'. Por tanto, o alcalde de Santiago cualificou de "estraño" que un partido "non poida estar de acordo coa defensa da sanidade pública", especialmente "cando ten as competencias de gobernar" esta área en Galicia.
Escribe o teu comentario