Compostela Accesible Xa busca crear unha rede cidadá para eliminar barreiras á mobilidade
A entidade quere denunciar o abandono do espazo público e ofrecerá asesoría xurídica a damnificados por caídas ou danos en vehículos debido ao mal estado das rúas
A Plataforma Compostela Accesible Xa deu un paso adiante na súa estratexia para lograr un deseño urbano inclusivo na capital galega. Esta entidade anunciou hoxe a apertura oficial do seu programa de socios e socias, unha iniciativa deseñada para dotar de maior independencia financeira e social ao colectivo no seu defensa da accesibilidade universal e dos dereitos das persoas con mobilidade reducida.
Desde a organización subliñan que «a accesibilidade non pode seguir sendo unha cuestión secundaria» e apelan á implicación directa dos veciños, empresas e colectivos sociais para reverter as situacións de« abandono, exclusión ou discriminación» que moitos cidadáns sofren a diario en Santiago.
Diferentes modalidades para particulares e empresas
Compostela Accesible deseñou un sistema de cotas graduadas para diferentes perfís de socios e socias. No caso dos particulares, as opcións de afiliación mensual distribúense en tres categorías: a de socio ou socia colaboradora, cun custo de 3 euros ao mes; a de socio ou socia activa, por 5 euros ao mes; e a de socio ou socia defensora, fixada en 10 euros ao mes.
Pola súa banda, o tecido empresarial de Santiago tamén contará con canles específicas para exercer a responsabilidade social corporativa mediante dúas modalidades de achega anual, que son a de empresa protectora, con 100 euros ao ano, e a de empresa colaboradora, con 200 euros ao ano.
Apoio xurídico fronte ás deficiencias urbanas
Un dos puntos máis destacados deste novo programa é a figura do «socio ou socia defensora». Esta modalidade non só busca a sustentabilidade da plataforma, senón que está concibida para dar soporte directo e personalizado a aquelas persoas que requiran orientación ante as carencias da vía pública ou a falta de adaptación de instalacións.
As persoas que opten por esta cota contarán con acceso prioritario a asesoría xurídica e acompañamento técnico en situacións recorrentes na cidade. Entre estas atópanse os accidentes na vía pública, como caídas provocadas por baldosas soltas, rotas, fochancas ou falta de mantemento, así como os danos en vehículos derivados do mal estado do firme nas rúas compostelás.
Así mesmo, atenderanse denuncias por discriminación ante reclamacións por falta de accesibilidade tanto en edificios públicos como privados, e impulsaranse accións para a eliminación de barreiras e obstáculos arquitectónicos en rúas e prazas. Por último, ofrecerase soporte técnico para a recollida de probas, documentación e orientación administrativa de face a posibles reclamacións patrimoniais ao Concello ou ás entidades responsables.
Co lanzamento desta campaña, a Plataforma Compostela Accesible Xa aspira a canalizar o descontento cidadán polas barreiras físicas da cidade e transformalo nunha ferramenta activa de cambio para lograr un Santiago «máis humano e pensado para todas as persoas». O formulario oficial para tramitar as altas xa se atopa dispoñible a través das canles dixitais da plataforma.
Escribe o teu comentario