A contorna das vítimas de violencia machista segue quedando calada
Só un 2% das denuncias proceden de achegados ou terceiras persoas, que demostra a falta de "implicación".
A presidenta do Observatorio de Violencia de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, Ángeles Carmona, situou nun 2% a porcentaxe de denuncias que se presentan nos xulgados por este delito por parte de achegados á vítima ou terceiras persoas, mentres que a "inmensa maioría" corresponden directamente á afectada. "Botamos de menos esa implicación" do resto da sociedade, sinalou.
Con motivo da presentación en Pontevedra dunha campaña "pioneira e nova" de prevención da violencia de xénero no ámbito veciñal, e que se estenderá tanto ao conxunto de Galicia como ao resto do Estado, Ángeles Carmona lamentou que "non pode ser que a muller estea soa e aterrorizada", senón que "ten que sentirse apoiada" porque se trata dun problema que afecta a toda a cidadanía.
Neste sentido, a presidenta do Observatorio destacou o papel que, pola súa proximidade, poden desempeñar as comunidades de veciños como "colchón ou rede de protección" á hora de comunicar á policía, a Garda Civil, os centros sanitarios ou as propias institucións se unha muller e os seus fillos necesitan axuda porque se pode "salvar vidas", ademais de contribuír a "erradicar delitos tan graves que constitúen auténticos atentados".
POBOACIÓNS PEQUENAS
Ángeles Carmona destacou que "onde máis fai falta esa concienciación é nas localidades máis pequenas", argumentando que, aínda que a violencia de xénero se produce "en calquera circunstancia e territorio, a maior parte dos asasinatos prodúcense en poboacións de menos de 100.000 habitantes".
Por iso, insistiu en que "calquera persoa ten obrigación" de poñer en coñecemento as situacións de violencia, instando á cidadanía a "non continuar con este silencio cómplice" que supón "deixar só en mans da muller poñer a denuncia".
A Xunta anunciou a celebración de varias xornadas informativas por toda Galicia nas que ofrecerán pautas para previr e detectar casos de violencia de xénero, ademais de distribuír trípticos con consellos sobre posibles indicios.
Escribe o teu comentario