Aumentan as actividades en colexios para formar os alumnos contra o machismo
O delegado do Goberno manifesta que o caso do neno que denunciou a agresión á súa nai debe "servir de exemplo".
A demanda de actividades en centros escolares sobre violencia machista e novas tecnoloxías aumentou no último ano, segundo o balance feito polo delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, do Plan para a Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar.
Fronte ao maior número de actividades relacionadas con ambas as cuestións o acoso escolar, o consumo de drogas e o alcol, descendeu a demanda para ofrecer charlas e talleres a cargo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado sobre as bandas xuvenís, precisou en declaracións aos medios de comunicación.
En canto á participación, máis de 1.100 centros sumáronse en 2017 neste Plan, coa participación de máis de 106.000 alumnos e máis de 3.000 actividades.
ALERTA POR VIOLENCIA MACHISTA
O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, manifestou que o caso do neno de 6 anos que alertou á Policía Local da Coruña da agresión á súa nai por parte da súa ex parella debe "servirlle de exemplo á sociedade".
A preguntas dos xornalistas, asegurou que o comportamento do menor é "digno de eloxio". Por outra banda, insistiu en que se trata dun problema que afecta "de forma directa" á sociedade e, por iso, recalcou "a necesidade" de que as vítimas de violencia de xénero denuncien.
Preguntado polo feito de que o home tivese unha orde de afastamento, que incumpriu, dixo que haberá que analizar "o caso concreto". Mentres, descartou que haxa descoordinación entre as forzas policiais, ao ser preguntado polas demandas do goberno local coruñés para incrementar esta colaboración.
Escribe o teu comentario