Tendas de Inditex como Pull&Bear, Lefties ou Bershka estarán pechadas este luns por folga contra o convenio
No centro comercial As Cancelas de Santiago de Compostela había división entre as marcas do xigante téxtil, con Stradivarius e Zara abertas.
Este luns moitos compradores chegarán ás tendas de Inditex coa firme idea de levar algunha ganga e o que levarán é unha decepción. Este luns 27 de abril moitos dos comercios teñen a persiana baixada a esta hora do día e así seguirá durante toda a xornada, secundando a folga de 24 horas convocada pola CIG contra o texto para o novo convenio que propón a patronal ARTE (Asociación Retail Téxtil de España).
O EXEMPLO DAS CANCELAS
Así, nas catro provincias galegas o sector do comercio téxtil e de calzado enfronta un luns complicado con paros que chegaron a tendas en localizacións como o Centro Comercial As Cancelas, o máis grande de Santiago de Compostela. Galiciapress puido constatar que na capital varias tendas de Inditex, como Pull&Bear, Lefties ou Bershka, permaneceron pechas e carteis contra o acordo reciben aos clientes á entrada da superficie comercial.
No entanto, non todas as firmas que compoñen Inditex secundaron a folga, pois no mesmo centro comercial algunhas marcas como Zara ou Stradivarius si operaban con normalidade. Outras grandes marcas, como Kiabi, tamén abriron as súas portas en Santiago, nunha xornada onde compañías como H&M, Mango, Primark ou Tendam poden ver sensiblemente afectadas.
PROTESTAS
A folga está convocada naquelas grandes multinacionais con máis de 400 empregados e unha superficie de venda física superior aos 3.500 metros cadrados. No entanto, na provincia da Coruña, que xa viviu varias xornadas de paro e protestas nos últimos meses (con UXT abanderando algunha destas mobilizacións), a convocatoria esténdese ademais ao conxunto do comercio vario, en defensa do convenio provincial e os dereitos conquistados durante anos que poderían ver reducidos, asumen, coa aplicación dun convenio estatal.
Desde a CIG denuncian nesta ocasión o preacordo alcanzado entre os empresarios, CC.OO. e Fetico, pois nos termos pactados suporía unha rebaixa de entre 2.000 e 3.000 euros anuais segundo a categoría profesional, cifra que ascendería aos 5.000 euros para as novas incorporacións nas tendas de Inditex na provincia coruñesa, recalcan desde a central sindical.
A continuación, critican a desaparición de complementos de antigüidade nas provincias de Lugo e Ourense, o plus de permanencia na Coruña, o cambio a que o traballo en domingos e festivos sexa obrigatorio ou a autorización de contratos fixos-descontinuos a tempo parcial, ademais da modificación na xornada anual, onde as horas de traballo reais aumentarán ao deixar de computar os descansos como tempo efectivo de traballo.
Escribe o teu comentario