O Obradoiro roza a ACB tras tombar con decoro a Estudantes

O Monbus Obradoiro derrotou este domingo ao Movistar Estudantes por 89-79 nun partido xogado ante 5.994 espectadores no Fontes do Sar de Santiago de Compostela. O resultado, aínda que finalmente cómodo no marcador, non reflicte a dificultade dunha tarde na que os composteláns tiveron que sobrepor a varias remontadas visitantes, un susto pola posible lesión de Kravic e a presión de disputar un encontro que valía como unha final. A vitoria mantén ao Obradoiro como líder da segunda división do baloncesto español e co ascenso directo á liga ACB nas súas propias mans.


|

La aficciu00f3n del Obradoiro celebra el triunfo contra Estudiantes
A aficción do Obradoiro celebra o triunfo contra Estudantes

 

O partido arrincou co Obradoiro máis metido na contenda desde o primeiro momento. Felipe Dous Anjos abriu o marcador desde a liña de persoal e, a partir de aí, os santiagueses construíron unha diferenza de máis de dez puntos antes de que se consumise o primeiro cuarto. Os triplos de Barrueta e Barcello —dous lanzamentos desde a transición case idénticos— foron o detonante dun parcial de 11-2 que obrigou a Toni Ten, técnico do Estudantes, a pedir tempo morto. 

 

O conxunto madrileño dependeu case en exclusiva de Nwogbo e Stumbris para anotar, mentres que o seu colapso exterior e un Granger moi errático no tiro lastraban calquera intento de reacción. O cuarto pechou 26-14 cun espectacular tapón de Andersson para rematar a faena.

 

O segundo acto, con todo, cambiou completamente de guion. Os madrileños saíron enchufados e anotáronse un parcial de 0-7 que provocou o primeiro tempo morto de Diego Epifanio. Sergi García e Garino sumáronse ao ataque visitante e a vantaxe dos locais reduciuse até o punto de quedar a un no marcador (37-36). O Obradoiro acusou ademais a saída por molestias no ombreiro de Kravic, que se marchou ao banco con cara de dor. Foron momentos de inquietude en Sar, nos que as arbitraxes engadiron aínda máis tensión a un encontro xa de seu electrizante. Dous triplos consecutivos de Barcello —que chegou ao descanso con 15 puntos— e un tiro libre devolveron a calma e deixaron o marcador no 45-41 favorable aos locais.

 

 

 

Máxima igualdade no terceiro cuarto

A segunda metade mantivo o nivel de intensidade da primeira. Dous Anjos e Westermann foron os referentes anotadores do Obradoiro, mentres que o Estudantes, lonxe de render, atopou en McGrew e na efectividade de Granger desde o perímetro —cando por fin apareceu— os argumentos para seguir no partido. O triplo de McGrew que igualou o marcador a 55 foi o momento de maior tensión da tarde, con Sar contendo a respiración. Barrueta respondeu cun triplo e dous tiros libres para restablecer certa distancia, pero Estudantes non se rendeu. O terceiro cuarto finalizou cun escenario de auténtico infarto: 65-64, con todo por decidir nos dez minutos finais.

 

O Obradoiro arrincou o último cuarto con máis urxencias que claridade, cos nervios propios do que había en xogo. A xogada do partido protagonizouna Andersson, que roubou un balón perdido, correu a toda velocidade cara ao outro aro, tirouse ao solo para alcanzalo e, desde esa posición, asistiu a Kravic para un mate que puña o 71-67 e levantaba en pé a todos os presentes no pavillón compostelán. Toni Ten parou inmediatamente o partido, consciente do perigo que entrañaba ese momento de inspiración local.

 

Brito, outra vez decisivo

Coa defensa do Obradoiro fecheira e os exteriores do Estudantes cada vez máis condicionados pola marcaxe, Diogo Brito emerxeu como o gran desequilibrante na recta final. O portugués, que xa fora o heroe na pista do Leyma Coruña semanas atrás, volveu aparecer no momento máis comprometido para anotar un triplo que puña o 76-67 e un tiro libre que deixaba o marcador en 83-73. Os seus compañeiros buscaron unha e outra vez as súas mans, e el asumiu toda a responsabilidade. Garino e McGrew tentaron manter viva a esperanza madrileña desde o perímetro, pero o golpe definitivo chegou da man de Munnings, que anotou un triplo frontal para colocar o +12 practicamente definitivo. O encontro pechou co 89-79 entre o estrondo do Sar.

 

O ascenso, a dúas vitorias

Con este triunfo, o Obradoiro pecha a primeira das tres finais que quedan para certificar o campionato da liga regular e o ascenso directo á ACB. Os dous próximos compromisos son decisivos: o próximo fin de semana visitan Torrelavega para medir ao Cantabria Baloncesto, e a xornada seguinte recibirán en Sar ao Gipuzkoa Basket.

 

 Se o equipo de Epifanio resolve ambos os encontros, o regreso á máxima categoría do baloncesto español será unha realidade. Se perde algún do dous pero Leyma Coruña non gana en Palma -algo moi improbable polos baleares encadean cinco derrotas e non se xogan nada- tamén ascenderá. 

 

O Leyma descansa na última xornada, polo que o seu liderado actual cun triunfo máis que o Obradoiro é enganoso, dado que os composteláns lle gañaron o basketaverage. 

 

 

 

O próximo rival da Obra, o Cantabria, está en terra de ninguén, nin pode meter en playoff nin descender, polo que non debería estar moi motivado. Guipúzkoa, o último encontro, chegará Sar cun posto de play off asegurado e coa posible motivación de gañar vantaxe de cancha na primeira rolda.

 

 

 

O Estudantes, pola súa banda, completou un encontro no que se xogaba máis o orgullo que outra cousa, xa que tiña asegurada a segunda praza da clasificación para o play-off.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE