Pedro Sánchez e Pablo Iglesias visitan Galicia e critican o "fracaso político" en prevención

O PSOE pedirá á Comisión Europea activar o Fondo de Solidariedade polos incendios e Podemos reclama máis investimento.


|

Psoepodemosincendios


O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, avanzou que pedirá ao presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, activar o Fondo de Solidariedade europeo para que se trasladen fondos a Galicia, Asturias e Castela e León para facer fronte aos danos causados pola onda de incendios dos últimos días.


Durante unha visita a Chandebrito, en Nigrán, onde o domingo faleceron dúas persoas nunha furgoneta atrapadas polas chamas, Sánchez chamou á cautela nas declaracións, e antes de pedir responsabilidades políticas, xa que aínda se están sufocando as chamas.


Sánchez puxo en relevo o "compromiso" do PSOE para que un suceso coma o desta fin de semana "non volva suceder ou evitar que sexa con esta magnitude". En relación con iso, subliñou que o Partido Socialista leva tempo "denunciando a falta de políticas de prevención" por parte do Goberno popular, así como a "carencia absoluta dunha estratexia nacional de loita contra incendios".


Fronte a isto, insistiu en que é necesario ampliar recursos, implantar políticas preventivas, recuperar a estratexia do desenvolvemento do rural e "empezar a reconstruír a lexislación básica desmantelada polo PP", como son a lei de desenvolvemento do rural e a lei de montes.


"FRACASO" POLÍTICO


No mesmo acto, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, transmitiu as súas condolencias aos familiares dos falecidos e aos afectados por esta "situación dramática" e, aínda que coincidiu en que hai que ser "cautos" nas declaracións, considerou que "é evidente que se manifesta un fracaso na política forestal e ambiental" do PP.


Non se pode "permitir que os cidadáns galegos teñan que esperar a que chova para ver as súas casas e vidas con posibilidades de solución", selou, antes de apuntar que unha vez que todos os incendios fosen extinguidos, será momento de analizar as responsabilidades políticas.


MEDIOS, PERSOAL E PREVENCIÓN


O secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, remarcou en Vigo que son necesarias políticas públicas contra os incendios forestais, a través das que se invista en máis medios, en mellorar as condicións de bombeiros e brigadistas, e en prevención. Ademais, referendou o seu compromiso en traballar nunha nova regulación neste sentido.


Así o trasladou tras unha reunión celebrada na mañá deste martes na sede da asociación de veciños de Navia, onde, xunto ao secretario de sociedade civil da formación, Rafael Mayoral, analizou a situación con membros da brigada de reforzo de incendios forestais, de comunidades de montes e de sindicatos de bombeiros e axentes forestais.


Iglesias puxo en valor o traballo que realizan os efectivos que combaten estes días os incendios así como o dos propios veciños, sobre os que fixo un símil coa recollida de chapapote tras a catástrofe do 'Prestige'. "Un pobo de Galicia que sempre dá a cara ante calquera adversidade", remarcou.


Finalmente, a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, valorou o traballo realizado nos últimos días polos veciños, que foron quen de "suplir o que a administración non é capaz de prever nin garantir: A seguridade", afrontando incendios nos que catro persoas perderon a vida e nos que tamén se produciron danos materiais e ecolóxicos.


relacionada Atopan globos cunha bengala en Salceda que puideron provocar algún dos lumes
relacionada As vivendas queimadas e a reforestación, prioridades para superar esta vaga de incendios
relacionada Miles de persoas maniféstanse contra os incendios e a política forestal da Xunta

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE