As mátemáticas valen para algo? Por exemplo, para mellorar os fornos de Ferroglobe
O CITMAga demostra que as matemáticas teñen aplicacións industriais directas e rendibles: desde Santiago, matemáticos galegos axudan á multinacional Ferroglobe a deseñar fornos máis grandes e eficientes sen necesidade de custosas probas físicas.
O próximo 22 de maio, a Facultade de Matemáticas da USC acollerá o XV Foro de Interacción Matemática Industria (Industry Day), un encontro que porá cara e cifras a unha realidade que aínda sorprende a moitos: as matemáticas resolven problemas concretos da industria, e fano con resultados economicamente medibles. O evento, impulsado polo CITMAga —Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia— en colaboración coa Rede Española Matemática-Industria (math-in) e co apoio do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, reunirá a investigadores e representantes de empresas nacionais e internacionais.
O CITMAga, apoiado polas tres universidades galegas e con sede no Campus Vida de Santiago, ten como un dos seus eixos prioritarios precisamente a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo. Este foro é o seu escaparate máis visible, e nesta edición un dos seus casos de éxito máis rechamantes protagonizará as xornadas: a colaboración con Ferroglobe.
Ferroglobe é o único produtor de silicio metálico en España, e faio desde a súa planta de Sabón, en Arteixo. A compañía, presente en Europa, América, África e Asia con máis de 3.500 empregados e máis de 50 fornos de produción en 26 emprazamentos, é líder no mundo occidental na produción de aliaxes de silicio e manganeso. O silicio que fabrica en Galicia é materia prima esencial para chips, paneis fotovoltaicos, baterías, aliaxes de aluminio e siliconas. Ademais, en Arteixo atópase o seu Centro de Innovación global.
Desde os comezos da planta galega, Ferroglobe desenvolveu proxectos conxuntos cos departamentos de Matemáticas das universidades galegas e, en particular, cos investigadores do CITMAga. O froito desa colaboración son modelos matemáticos que simulan o comportamento electromagnético, termodinámico, hidrodinámico e estrutural dos seus fornos industriais, permitindo á empresa analizar distintos escenarios sen necesidade de pór en marcha custosas probas físicas.
"Os matemáticos axudáronnos a saber que temperaturas e materiais necesitamos"
Un dos proxectos máis destacados desta colaboración foi o desenvolvemento dun modelo matemático para un forno industrial de purificación de silicio. Ramón Ordás, director global de financiamento público de Ferroglobe, explica que grazas a esa ferramenta a compañía puido estimar de forma moito máis fiable os custos de construír e operar fornos de maior tamaño, evitando probas que consumirían tempo e recursos considerables. "Os matemáticos axudáronnos a establecer temperaturas, consumos de enerxía e materiais que debemos empregar para conseguir fornos de maior tamaño e eficiencia", sinala.
Ordás non deixa lugar a dúbidas sobre o valor estratéxico desta alianza: "As matemáticas son fundamentais para mellorar os nosos procesos", afirma, e engade que contribúen a resolver problemas tanto nos fornos como no resto das instalacións da empresa, ademais de impulsar distintos tipos de melloras na súa actividade produtiva.
Escribe o teu comentario