Adif e O Porriño discrepan sobre a solución para o paso a nivel
A corporación "non contempla outra posibilidade" que non sexa cambiar o trazado da vía para que non pase polo centro da localidade.
Paso a nivel do Porriño.
O administrador de infraestruturas ferroviarias (Adif) expuxo á corporación do Porriño pechar o paso a nivel situado no centro do centro urbano ao tráfico de coches, de maneira que só poidan cruzar, mediante pasos subterráneos, os peóns, e habilitar un paso elevado para vehículos uns metros máis adiante de onde se atopa agora o paso a nivel.
Esta foi a proposta que trouxo debaixo do brazo a directora xeral de Explotación e Construción de Adif, Isabel Pardo deVera, á reunión que mantivo este xoves coa alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e cos representantes dos grupos municipais.
Segundo explicou a propia rexedora en declaracións aos medios, o Concello trasladou á directiva de Adif os problemas de seguridade do paso a nivel, e o organismo, así como os técnicos de Fomento, propuxeron eliminar o paso a nivel para os coches, construíndo unha barreira que 'encaixone' a vía neste tramo, e habilitando pasos subterráneos para peóns. A iso sumaríase a construción dun paso elevado para coches uns metros máis adiante.
"Isto sería consolidar a situación actual", advertiu García de la Torre, quen subliñou que O Porriño "non contempla outra solución" que non sexa o cambio do trazado, para que as vías non pasen polo centro da localidade.
A ese respecto, sinalou que os responsables de Adif mostraron "boa disposición" de retomar esa alternativa (que xa se estudou en 2006, vinculada á saída sur de Vigo). Trátase, en todo caso, dunha actuación que require o consenso de varias administracións e dos municipios do Porriño e Mos, pero a alcaldesa incidiu en que "hai que empezar a ver que isto se move".
MÁXIMA SEGURIDADE
Mentres que non se executa esa solución definitiva, a rexedora do Porriño esixiu que se revisen as medidas de seguridade do paso a nivel, xa que existen incidencias relacionadas co funcionamento da barreiras, e coa gran velocidade á que os trens atravesan o centro da vila.
Eva García de la Torre apuntou que as actuais barreiras "non sempre baixan cando deben" e están colocadas de tal maneira que "non impiden o paso dos peóns". Por iso, insistiu en que a "única" solución definitiva é "eliminar o trazado ferroviario polo centro do Porriño".
Ademais, segundo puntualizou, Fomento descartou o soterramento das vías ao seu paso pola localidade, pola súa complexidade técnicas e polo alto custo económico.
Escribe o teu comentario