Paulo Carlos López: "Pedro Sánchez é máis 'Can' cando o empuxa Sumar"
Paulo Carlos López, secretario xeral Sumar Galicia, fala dunha renovación no "contrato" da esquerda coa sociedade. Si lle ilusiona a unidade da esquerda pero lle preocupa que esa unión se faga sen ter en conta os problemas reais das persoas. Analiza o desexo de Yolanda Díaz de pór ao carón ao final da lexislatura e constata a necesidade de abrir Sumar a unha gran maioría da sociedade galega. Por outra banda, non dá moitas pistas sobre o seu futuro político.
-Desde a súa posición como secretario xeral de Sumar Galicia como valora os resultados obtidos en Castela e León? Son as mesmas causas que estarían detrás dos resultados nas últimas autonómicas galegas?
Os resultados en Castela e León foron malos, tal e como expresaron os meus compañeiros. É un momento no que non se pode acceder ao Parlamento de Castela e León ante a falta de procuradores e procuradoras. Con todo, creo que se debe facer unha dobre lectura. É importante analizar en termos de unidade política electoral, débese acumular todo o capital político da esquerda no Estado para concorrer nas eleccións. Pero ademais disto, é necesario un horizonte político que renove o contrato da esquerda coa cidadanía. É dicir, pomos o foco na necesidade de unión pero non pomos o foco no que lle ofrecemos á cidadanía. É necesario reflexionar sobre o novo modelo de país que lle ofrecemos á cidadanía, isto nun contexto de ruptura do sistema político internacional e onde se está xogando con valores básicos como a democracia. Tamén existen problemas substanciais para a cidadanía como é o prezo da vivenda. É necesario repensar este espazo no político e non só no organizativo.
-A postura de Sánchez co seu 'Non á Guerra' púidolle restar votos a Sumar?
Sen unha enquisa post-electoral non podo falar sobre a intención de voto da xente. O que si podo dicir é que Pedro Sánchez asumiu un papel protagonista con respecto ao 'Non á Guerra'. Aínda así, cabe lembrar que esa posición vén empuxada tanto pola existencia de Sumar e da súa presenza no Goberno. Con isto quero dicir que Pedro Sánchez é máis “Can” cando o empuxa unha formación política como Sumar. Sobre a nosa posición sobre a guerra é moi clara, sobre o conflito en Palestina tamén e ambas as posturas de Sumar foron asumidas por Sánchez. Isto é importante remarcalo porque pon en valor o sentido de pertenza de Sumar ao Goberno de España.
É necesario reflexionar sobre o novo modelo de país que lle ofrecemos á cidadanía
-Ante a idea presentada por Gabriel Rufián sobre a unidade das esquerdas, como valora Sumar Galicia a postura do BNG de non querer sumar a esta hipotética unidade?
O movemento Sumar Galicia valora a proposta de Rufián polo seu espírito, que é o da unidade. En segundo lugar, cremos nesta proposta porque debemos maximizar e dar pé á transformación do voto en escano e, en terceiro lugar, debemos ilusionar e conectar coa xente. Pero insisto, non só é necesario crear un artefacto electoral senón que é importante un novo proxecto de país desde a esquerda plurinacional que representamos, e poño o acento no explicado anteriormente. Sobre a postura do BNG eu non son quen para dicirlles o que deben facer, é máis, nunca lle pediremos ao BNG que non se presente, pero ao mesmo tempo esta formación non debe obviar que nas últimas eleccións xerais Sumar Galicia tivo un deputado ou deputada. Por tanto, o noso espazo electoral nas xerais existe e hai que respectalo. Con todo, transmitímoslle ao BNG a nosa disposición para falar, con todo, o “non” do Bloque non vai co espírito da maior parte da esquerda progresista en Galicia. Lanzamos ofertas para falar co BNG, sentarnos e falar.
-Esta proposta de unidade sería a resposta ao avance da ultradrecha que, de momento, non parece ter moito eco en Galicia?
Para conter as correntes reaccionarias tanto no mundo como no Estado hai dúas claves. A primeira é a unidade, está claro, pero esa unidade en si é un fetiche, a unidade por si soa sen ofrecer algo non vale de nada. Hai que pór o foco na oferta e hoxe en Galicia existen moitos problemas que se están agravando na última década, principalmente dúas: a vivenda e a deterioración da sanidade pública. Sumar, como esquerda plurinacional que quere reivindicar outro tipo de política, por exemplo, a lei estatal de vivenda xa se quedou caducada pois toda Galicia é zona tensionada e debemos crear políticas enfocadas a porlle un tope aos alugueres. Isto último pódese facer mellor si imos unidos ou unidas e que apela á maioría social. E cando falo de sanidade refírome, por exemplo, ás dúas ou tres semanas que tardamos en obter cita. É dicir, non debemos pensar só en termos de unidade e pensar máis no que lle ofreceremos á xente.
Pedro Sánchez asumiu un papel protagonista con respecto ao 'Non á Guerra'. Aínda así, cabe lembrar que esa posición vén empuxada tanto pola existencia de Sumar e da súa presenza no Goberno
-O perfil do votante de Sumar adoita ser “urbanita”. No caso de Galicia isto non restaría votos?
A eclosión do voto a Sumar tanto en Galicia como no Estado vén determinado por un perfil de votante que ten unhas características sociais e demográficas vinculadas ao ámbito urbano. Agora ben, nós temos intención de presentarnos ás eleccións de 2028, entrar no Parlamento e provocar un cambio, o que implicaría estar en todos os concellos e comarcas de Galicia. Con esa vocación estamos a facer un traballo de organización moi importante na nosa axenda para acudir a diferentes lugares para expandir Sumar, como fixemos no Barco de Valdeorras sobre as cuestións que afectan a este lugar. É un exercicio de honestidade porque sabemos cales son as nosas fortalezas pero tamén sabemos que para estar no Parlamento en 2028 debemos presentarnos en toda Galicia. Nos últimos meses crecemos en militancia e o que nos diferencia de proxectos pretéritos é que temos vocación de facer organización e estamos para quedar. Temos que construír unha identidade política propia.
-Cal cre que será o futuro de Yolanda Díaz despois de anunciar que non se presentará ás eleccións acabada a lexislatura? Sumar vea “presidenciable” para a Xunta de Galicia?
Non podo facer futuribles, pero Yolanda Díaz terá o papel que ela desexe. Sobre a súa decisión de retirar da vida política, creo que é unha postura sincera, leva moitos anos en primeira liña política, en 2023 consegue unir a varias forzas políticas, levantou un espazo político co que conseguiu crear un goberno de coalición progresista en España. Por outra banda, tamén se trata dun acto de humildade ao pór ao carón, e discrepando dela, creo que segue sendo o maior capital político que ten a esquerda plurinacional.
Sobre a nosa posición sobre a guerra é moi clara, sobre o conflito en Palestina tamén e ambas as posturas de Sumar foron asumidas por Sánchez
-En canto a vostede, situarase como candidato ou ben á alcaldía de Santiago ou á presidencia da Xunta?
Agora mesmo, tanto o proceso de elección de candidatos a nivel municipal como autonómico, non está aberto. Só direi que estou a disposición dos compañeiros e compañeiras. En todo caso, creo que para ambos os postos, alcaldía ou Xunta, hai perfís tanto ou máis competentes que o meu.
Escribe o teu comentario