A Xunta castiga a traballadores temporais por aceptar un posto: "Se xa estaban maltratadas nas listas, agora peor"

Rebeca Quintillán, responsable de negociación colectiva da CIG-Autonómica, explica a Galiciapress as consecuencias da modificación do Decreto 40/2026, que supón, segundo denuncian, un importante recorte de dereitos para os traballadores nas listas de contratación da Xunta. As protestas de centos de traballadores por toda Galicia abren fenda contra o Executivo de Alfonso Rueda, que podería ter unha folga ás portas. 


|

2026 05 26 ConcentracionVacantes Lugo 01
Protesta en Lugo | Foto: CIG

 

Ás portas da sede da Xunta de Galicia en San Caetano apiñáronse decenas de manifestantes o pasado martes, denunciando a modificación dun decreto que o Goberno de Galicia esperaba sacar sen levantar tanto balbordo. E é que non foi só en Santiago onde houbo protestas: Lugo, A Coruña, Ferrol, Vilagarcía de Arousa, Marín, Vigo, Barbadás, Lalín, Vimianzo… Unha crítica contra as intencións da administración galega que limitarán, segundo denuncian os sindicatos, os dereitos de miles de traballadores temporais dunha plumada.

 

 

CASTIGADOS POR ACEPTAR UN POSTO

Foi a Confederación Intersindical Galega (CIG) a que convocou as protestas e Rebeca Quintillán, responsable de negociación colectiva da CIG-Autonómica, valora moi positivamente a resposta dada polos traballadores que se sumaron ás mobilizacións desta semana, tendo en conta o punto de improvisación e urxencia dunha serie de protestas organizadas practicamente a contrarreloxo. 

 

“Sacamos unha convocatoria practicamente en 24 horas. Non tivemos moito máis marxe de manobra e reunimos a moita xente nas sete cidades”, celebra Quintillán, que segue recibindo fotos no seu teléfono de participantes en todas as protestas organizadas ao longo e ancho do territorio. “Hai que ter en conta tamén a cantidade de persoas que non puideron asistir, porque hai moito persoal substituto en centros de traballo que están sempre baixo mínimos”, razoan desde a CIG. 

 

A repercusión foi inmediata porque a modificación do Decreto 40/2026 supón un cambio substancial no procedemento do chamamento das listas de substitución da Xunta, cunha variación moi significativa e criticada polo conxunto de sindicatos, que se opuxeron de maneira pública a este cambio impulsado “de maneira unilateral” desde San Caetano, como é a eliminación automática en todas as listas daqueles traballadores que atendan unha chamada, quedan fora da posibilidade de acceder a melloras laborais e profesionais ao postular a postos vacantes.

 

“Quedan sen a opción de mellora de emprego. Se estás a substituír unha cousiña, por pequena que sexa, non tes acceso a outra interinidade”, explican desde o sindicato. Até agora, aínda que un traballador ocupase un posto temporal, seguía figurando noutras listas á espera de que puidese saír unha oportunidade mellor. Agora, moitos profesionais deixarán de estar activos para poder competir por vacantes para as que son aptos e ofrecen mellores condicións. 

 

2026 05 26 concentracion CIG Admon vacantes Compostela0002
Protestas en Santiago de Compostela | Foto: CIG

 

PERMISOS E VACACIÓNS NO AIRE

“Se antes cubrías unha substitución e ofrecíanche unha vacante, podías pasar a ocupar esa vacante. A día de hoxe é por un máximo de tres anos ou que se aprobe por un proceso selectivo. Iso ofrece máis estabilidade que estar a substituír por dous ou tres días por aí”, expón Quintillán. O efecto non é para un único colectivo ou categoría, aínda que os máis castigados son, unha vez máis, os grupos xa altamente precarizados, como son o persoal sociosanitario, o asistencial, o de atención directa ou o de servizos públicos esenciais. 

 

 

“Todos están igual de prexudicados por este cambio”, lamenta Quintillán, pois todos os colectivos quedan sen poder optar a esas vacantes cando acepten unha substitución. Hai que considerar, ademais, que aqueles que ocupan postos máis altos, con baremos máis altos por puntos, contratos terminados e outras circunstancias, “van estar en substitucións” e vanse a ver “castigados sen vacantes”. 

 

Os efectos do cambio van máis aló considerando que esta modificación vai provocar, a xuízo da CIG, “problemas pola falta de coberturas”, o que derivará inmediatamente “na denegación de permisos ou de vacacións”.

 

“Ao estar ocupados ou que che ofrezan contratos dun día ou dous, se renuncias, penalízanche con 6 meses. As listas nalgunhas categorías estaban xa totalmente esgotadas, como as de enfermaría, por exemplo. Se xa estaban maltratadas antes nas listas da Xunta, agora aínda peor”, critica, á vez que vaticina que “van ter graves problemas para cubrir certas categorías”, especialmente nos períodos de vacacións.

 

Os DO SPIF, Os MÁIS CASTIGADOS

Os argumentos do Goberno de Galicia para acometer o cambio do Decreto 37/2006 son “garantir que os servizos públicos non sufran interrupcións por falta de persoal”. Nese sentido, escúdanse na situación do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF). Este grupo, de feito, podería ser o peor parado por este cambio, xa que se lles aplica un “réxime extraordinario” imposto desde o 1 de marzo até o 31 de outubro. 

 

 

“Estes teñen, a maiores, un castigo máis grave”, censura Quintillán, detallando que eses traballadores “van ser convocados para traballar a través dun SMS urxente, que poden recibir e que teñen que contestar até as 23:59 dun día para se incorporar ao día seguinte”. 

 

Desde a CIG móstranse abertos mesmo a discutir a idoneidade dunha medida “de urxencia” durante as tempadas de alto risco, “porque, efectivamente, hai que cubrir os postos e é unha urxencia”, polo que entenden que un baile de postos “non sería positivo”. Con todo, achacan a “un problema de organización” por parte da Xunta, que non pode considerar “unha urxencia” un período que abarca desde marzo até novembro. 

 

“Iso non é unha urxencia, é falta de planificación e de organización”, reprocha Quintillán, destacando que se podería chegar “a outro acordo” de maneira que se “cubra o verán con outras fórmulas” ao alcance da Xunta. “Co que ocorreu o ano pasado cos incendios en Galicia deberían aprender”.

 

“Están a abusar do Servizo de Prevención de Incendios Forestais pondo unhas franxas que son, para nós, esaxeradas”, apostila, considerando, ademais, que a modificación sae en pleno mes de maio, pero se pretende aplicar “a xente que viña ocupar postos anteriores á aprobación do decreto, con efecto retroactivo”. Este feito espertou as dúbidas de que o propio decreto poida ser legal e os servizos xurídicos do sindicato atópanse analizándoo polo miúdo. 

 

2026 05 26 CIG Administracion vacantes0015
Foto: CIG

 

Ao tempo, este caso reaviva de novo unha polémica recorrente entre os traballadores que integran as listas de contratación, que ven sometidos a maioría de veces a présas coas chamadas, obrigando a moitos a tomar decisións en cuestión de minutos que os poden levar a ter que acudir en poucas horas na outra punta do país. 

 

“Se non entras no SMS non serás penalizado. Pero isto é un brinde ao sol. Se entras, xa sabes onde vas ir para incorporarche ao día seguinte. Onde está a conciliación?”, cuestiona Quintillán, que lembra que o sindicato leva moito tempo batallando por unha mellor conciliación para os traballadores, aos que ve en moitos casos “esclavizados” en postos que a Xunta “sabe que pode cubrir de antemán”. 

 

VOLVER AO DECRETO 37/2006 NON É A RESPOSTA

Desde a central sindical apelan a cuestións que son “de dereitos laborais” para dar para atrás a medida que “o PP, coa súa maioría, aprobou pese ao voto en contra de todos os sindicatos”. Outros puntos, como o da “tramitación exclusivamente electrónica sen garantir os medios”, que supón para a CIG unha maneira de excluír a moitas persoas por “cuestións de dixitalización” obrigándoas a empregar medios telemáticos, poderían ser abordados nas negociacións que esperan poder abrir, pois retornar ao pacto establecido en 2006 tampouco sería a solución ideal.

 

“Falamos dun decreto de fai 20 anos. As cousas cambiaron. Cando se aprobou estaba moi ben, pero cando trouxeron esta modificación á mesa de negociación nós xa pediamos negociar un novo decreto. Consideramos que non se poden introducir cuestións abusivas como fixeron, e que hai moitísimas cousas que cos novos tempos requiren facer cambios, non a través de parches, senón negociando un decreto desde cero”, sostén. 

 

Nesta liña pronunciaranse a próxima semana desde a CIG, unha vez que celebren os encontros que teñen programados para perfilar unha folla de ruta onde xa contemplan un “proceso de escalada” na presión sobre a Xunta, sobre todo despois da gran resposta que deron os afectados durante a semana. 

 

2026 05 26 CIG Administracion vacantes0006
Protestas en Vigo | Foto: CIG

 

“Necesitabamos ver cal era a reacción do persoal, porque sabemos que é moi complicado mover a tanta xente. Esta foi unha primeira sondaxe, pero a xente demándanos, necesítanos”, asevera Quintillán, que xa planea os próximos pasos nunha carreira na que irán “de máis a menos”.

 

“Isto vai para adiante. Seguro”, garante, á espera de definir e concretar as seguintes accións e ver si a vía xudicial é un dos camiños a tomar, valorando nestes momentos “o enfoque” que se lle pode dar mesmo nos xulgados a este polémico decreto. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE