Un poder xudicial baixo sospeita

Manoel Barbeitos
Economista

A xustiza española vén evidenciando, un día si e outro tamén, que precisa dunha urxente posta ao día en liña co que correspondería a un estado democrático como, por caso, o da nosa contorna europea. A xustiza española, como vén de confirmar o Tribunal Supremo coa súa desmesurada sentenza en contra dos políticos independentistas cataláns, esconde un gran déficit democrático xa que non cumpre cos principios que se lle supoñen a un poder xudicial democrático.


Son contundentes as evidencias sobre a visión conservadora e restritiva que a xustiza ten no poder xudicial español e moi especialmente en asuntos tan fundamentais como os dereitos e as liberdades democráticas que, por caso, recoñécense na Constitución Española (CAPITULO SEGUNDO, Artigos 15-29: Dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas). Unha visión que leva, como podemos comprobar con demasiada frecuencia, a que os problemas no canto de resolverse complíquense e  enquisten.


Velaí o caso xa citado da recente sentenza do Tribunal Supremo no xuízo aos dirixentes políticos do Procés. Unha sentenza que non pode máis que cualificarse, e así o fixeron destacados xuristas, como desproporcionada xa que non se corresponde coa falta cometida. E tamén unha sentenza perigosa xa que pode crear un precedente moi negativo para as liberdades e os dereitos democráticos en España. Por estas razóns non deixa de ser moi preocupante a valoración que da mesma fixeron, e están a facer, dirixentes políticos e medios de comunicación e opinión. Unhas valoracións que parecen coincidir nunha visión restritiva da democracia e, máis en concreto, dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas.


A sentenza do Tribunal Supremo que condena a dirixentes políticos, que son demócratas e pacifistas, como xa sinalei nun artigo anterior en leste mesmo medio, é unha sentenza desproporcionada á falta cometida, pois as condenas son mesmo máis altas que as do 23- F. E tamén unha sentenza claramente discriminatoria pois, por caso, sorprende o diferente trato xudicial recibido por estes políticos do Procés co que se lles outorgou, e séguese outorgando, aos políticos vinculados a tramas de corrupción que, en xeral, reciben un trato moito máis  benévolo.


A sentenza do Tribunal Supremo é ao mesmo tempo unha sentenza perigosa porque crea un novo precedente sobre cando estamos diante dun caso de  sedición: que se entende a partir de agora por sedición? O abanico de posibilidades abriuse , con esta sentenza, dunha maneira peligrosísima. Segundo esta sentenza ata o activistas tipo 15M poderían ser considerados como golpistas! Por caso, serán os pensionistas que se manifestan en defensa das súas pensións acusados de sedición? E as familias ferrolás que protestan pola ameaza de peche de ENDESA?


Son sentenzas xudiciais deste tipo, que se repiten con demasiado frecuencia (velaí outro caso recente de desmesura xudicial: O Caso Alsasua, cando oito novos foron acusados de terroristas por un altercado nunha taberna sendo condenados a penas de ventre 2 e 13 anos), as que sementan  dúbidas sobre  o carácter e o funcionamento democráticos do poder xudicial español


En esta  avaliación sobre o poder xudicial español non podemos deixar de subliñar como determinados comportamentos dos partidos políticos españois maioritarios (especialmente o Partido Popular pero tamén o PSOE) favorecen este tipo de actuacións xudiciais. Por caso, cando utilizan o seu poder tanto para situar nas instancias xudiciais a xuristas cunha visión claramente conservadora e/ou partidaria dos dereitos e as liberdades democráticas como xudicializando problemas que deben ter unha solución política.


Foi o Partido Popular (PP), co apoio de destacados dirixentes socialistas (PSOE), co seu recurso de inconstitucionalidade (31 de agosto do 2006) contra unha reforma do Estatuto de Autonomía de Catalunya que fora aprobada polos Parlamentos catalán (30 de novembro do 2005) e español (31 de marzo do 2006) e apoiada por un referendo (18 de xuño do 2006), quen crispou o ambiente político en Cataluña e abriu a porta aos escenarios como os que agora estamos a ver.


Con feitos como estes e moitos outros que se podían citar non sorprendeu que a confianza dos españois e os galegos na xustiza sexa das máis baixas de Europa.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE