Amplo rexeitamento á reforma sanitaria que crea "hospitais de segunda"

En Marea, PSdeG e BNG participan nas concentracións que os profesionais sanitarios convocaron para todos os mércores.


|

ProtestasalnesConcentración en Vilagarcía. Foto: En Marea

Representantes dos tres grupos da oposición en Galicia, En Marea, PSdeG e BNG, participaron este mércores nas distintas concentracións en rexeitamento á reforma da Lei de Sanidade de Galicia proposta pola Xunta que, segundo denuncian, "crea hospitais de segunda" coa "supresión" das áreas.


En concreto, baixo o lema 'Non á supresión', os profesionais sanitarios convocaron mobilizacións todos os mércores ao mediodía ante os hospitais e centros de saúde das distintas áreas que a reforma legal prevé reducir, as do Salnés, Terra de Lemos, a Mariña e a comarca de Valeorras.


Deste xeito, na protesta celebrada ás portas do Hospital de Vilagarcía, na área do Salnés, participaron a líder do BNG, Ana Pontón, así como os deputados de En Marea Carmen Santos e Marcos Cal. Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, asistiu á celebrada ante o Hospital da Costa, en Burela.


PROTESTA NO SALNÉS


Precisamente, a portavoz do Bloque criticou a "nocturnidade e a aleivosía" coa que o Partido Popular pretende levar a cabo esta reforma ao presentala "en pleno mes de agosto" e censurou que os populares "aproveiten o verán para cociñar novos recortes" cando "aseguran que se está saíndo da crise".


"Empezan coa eliminación das áreas sanitarias, o primeiro paso para o desmantelamento duns hospitais que achegan a sanidade aos cidadáns e que o que necesitan son máis recursos e máis medios", advertiu Ana Pontón, que esixiu a retirada desta futura reforma legal.


Tamén na concentración do Salnés, a viceportavoz de En Marea no Parlamento, Carmen Santos, denunciou esta "nova agresión" do Goberno de Feijóo á sanidade pública. "Non hai nada máis ruin que facer negocio coa saúde da xente como busca o PP", manifestou a parlamentaria autonómica.


Ademais, acusou aos populares de "continuar abrindo as portas ás empresas privadas" para que "saquen diñeiro coa saúde da xente sen que lles importe poñer en risco algo tan delicado como é a saúde das persoas". "Todo por facer negocio", lamentou.


Protestaburelasanidade


CONCENTRACIÓN EN BURELA


En Burela, Leiceaga volveu pedir a retirada do anteproxecto presentado pola Xunta e censurou que o PP impedise que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, comparecese no Parlamento "para explicar as consecuencias" desta reforma legal ao votar en contra durante a Deputación Permanente celebrada o martes na Cámara galega.


Na súa intervención, tamén instou á Xunta a "potenciar" os hospitais públicos en lugar de "convertelos" en centros de "segunda".


Leiceaga participou na mobilización de Burela acompañado polo presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, así como doutros cargos institucionais socialistas como alcaldes ou portavoces municipais da zona.


relacionada O PSdeG esixe debate e consenso para a reforma da Lei de Saúde galega
relacionada En Marea critica que a nova lei de sanidade dá prioridade á empresa privada
relacionada A reordenación sanitaria da Xunta segue sumando detractores

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE