En Marea critica que a nova lei de sanidade dá prioridade á empresa privada

|

Sanitariosquirofano


A deputada de En Marea Eva Solla esixiu este xoves á Xunta que facilite, a través do Parlamento de Galicia, a información sobre as alegacións presentadas á nova lei galega de sanidade e avanzou que a súa formación presentará unha emenda de devolución cando esta norma chegue á Cámara.


Nunha rolda de prensa ofrecida este xoves, a parlamentaria de En Marea sinalou que o prazo inicial de presentación destas suxestións ao anteproxecto dado a coñecer polo Goberno galego remataba esta xornada. Con todo, a Consellería de Sanidade lembrou que esta data foi ampliada ata o próximo día 1 de setembro.


Na súa comparecencia, precisamente, Eva Solla reclamou á Xunta que facilite os datos sobre "o número de alegacións presentadas, o seu contido e a publicidade" que se lle deu a este prazo para que os cidadáns puidesen achegar as súas consideracións.


E é que, segundo denunciou Eva Solla, o Executivo presidido por Alberto Núñez Feijóo "actúa con opacidade" para "impedir a participación" e "facilitar o descoñecemento" dunha norma que, na súa opinión, supoñerá a "retirada de dereitos" aos cidadáns e a "introdución da empresa privada" na sanidade pública.


"O único que fai esta modificación é profundar nunha perda de capacidade de xestión para as diferentes comarcas, unha perda de capacidade de xestión e de funcionamento da atención primaria que é a máis prexudicada por esta nova distribución", manifestou.


Ademais, en materia de investigación, a deputada de En Marea volveu advertir de que esta lei facilita a entrada da empresa privada e dos seus intereses e asegurou que tamén "retira os elementos de participación social" que había na anterior norma.


"O PP reserva para si a posibilidade de decidir quen vai participar e a opinar a nivel social sobre a nosa sanidade", censurou.


Por iso, avanzou que, ademais de presentar unha emenda de devolución cando este anteproxecto chegue ao Parlamento, En Marea propoñerá ao resto dos grupos da oposición solicitar a comparecencia na Cámara do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, para que "aclare" todos os puntos que "retiran dereitos á cidadanía".


LEGALIZA A PRIVATIZACIÓN


A Plataforma SOS Sanidade Pública reclamou a retirada da reforma da Lei Galega de Saúde ao entender que pretende o desmantelamento e a consolidación da privatización do Sistema sanitario galego, e anuncia o seu apoio ás mobilizacións que convoquen as xuntas de persoal das áreas sanitarias afectadas. Actuacións, apúntase, que concluirán nunha convocatoria de mobilización conxunta de toda Galicia.


Desde a organización arguméntase que no anteproxecto de reforma recóllese que se desmantelarán as áreas sanitarias, para "baleirar de contido os Hospitais Comarcais, coa finalidade de concentrar os servizos sanitarios nos grandes hospitais". Esta medida supón, segundo a Plataforma, "unha barreira para o acceso da cidadanía á atención hospitalaria, especialmente á poboación rural e máis envellecida".


Na mesma liña, a Plataforma indica que o anteproxecto de reforma "legaliza de forma definitiva a privatización do SERGAS, consolidando a entrada do capital multinacional e das farmacéuticas, na xestión, docencia e investigación do sistema sanitario, sufragado con fondos públicos".


Por último, a organización alude a que se favorecería a "laboralización e precarización do persoal sanitario, así como o enchufismo na adxudicación das prazas".

relacionada Máis voces claman contra a "marxinación" da atención primaria
relacionada A reordenación sanitaria da Xunta segue sumando detractores
relacionada Feijóo rexeita cuestións "mercantilistas" na reordenación sanitaria

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.
Cabecerarecomendadosgal 2
Cabeceraultimahora 2
Cabeceralomasleidogal 1

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress