O PSdeG esixe debate e consenso para a reforma da Lei de Saúde galega
Os socialistas reclaman que o conselleiro compareza e retire o anteproxecto presentado en pleno agosto e que pode quitar servizos a comarcas e áreas rurais.
O PSdeG reclama explicacións ao conselleiro.
O Partido Socialista de Galicia rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias nas que reclama a retirada do anteproxecto de lei publicado o 2 de agosto, que modifica a Lei de Saúde e o mapa sanitario, e que sostén que provocará a redución da atención en zonas rurais e semi urbanas.
O portavoz de Sanidade do grupo socialista, Julio Torrado, solicita consenso, coa creación dun grupo de traballo con representantes dos partidos, Fegamp, sindicatos, asociacións e colectivos sanitarios para acordar as posibles melloras normativas e as necesidades de cambios da lexislación.
Os socialistas demandan tamén que se celebre un pleno extraordinario no que compareza o conselleiro de Sanidade, para explicar o anteproxecto.
A xuízo de Torrado no goberno galego hai "un problema grave en canto ás formas", ao entender que o anteproxecto se presentou "de forma oscurantista" e co prazo de 15 días para participación cidadá coincidindo coa primeira quincena de agosto. Pero tamén, critica as formas porque tanto a participación cidadá como a composición dos Consellos de Saúde quedará definida desde agora "por decreto" do Consello da Xunta.
"PÉRDESE ATENCIÓN EN ÁREAS RURAIS"
O portavoz de Sanidade do PSOE abunda nas súas críticas ao asegurar que a ordenación que se prevé das áreas sanitarias diríxese "cara a un modelo máis concentrado e que perde atención ás comarcas e áreas sanitarias rurais e semiurbanas".
Neste sentido, insiste en que coa nova delimitación do mapa sanitario "quedan no aire as áreas sanitarias do Salnés, Mariña Lucense, Monforte e Valdeorras, por ser áreas comarcais", co que se "abriría a porta á perda de servizos en favor da concentración en centros hospitalarios de grandes urbes".
"Segundo a normativa que se pretende impoñer existiría a posibilidade de que un decreto deixase sen servizos sanitarios mínimos dun hospital os centros de áreas sanitarias comarcais", explica.
Os socialistas consideran que a Xunta queren "impoñer un modelo de hospitais de segunda" que "se converterían en grandes ambulatorios pero non terían a capacidade sanitaria que precisan".
Para o deputado socialista, a "gravidade das propostas de modificación na participación e definición do mapa sanitario, así como noutras áreas como a inspección ou a investigación, fai necesario abrir un debate profundo na procura do acordo sobre as modificacións deste nivel nunha Lei de tal relevancia e que se modifique o camiño iniciado o 2 de agosto", conclúe Torrado.
Escribe o teu comentario