O Celta vence, pero non convence: pase nos penaltis ante o humilde Sant Andreu

Os de Giráldez pasan de rolda superando ao cadro catalán desde os once metros.


|

G7WoUd5XMAEhnKm
Foto: Sant Andreu

 

Con tensión até o último suspiro e con algunha mala cara, pero o Celta de Vigo logrou o obxectivo, que non era outro que o pase á seguinte rolda da Copa do Rei. Os vigueses víronllas e tivéronllas contra un ilusionado Sant Andreu, que a pesar de estar sometido durante os 90 minutos regulamentarios tivo opcións de eliminar aos celestes, que lograron levar o duelo até os penaltis, onde foron os que menos fallaron. 

 

 

SER MELLOR NON BASTOU

O Celta foi mellor, que dúbida cabe. No entanto, o Sant Andreu, que apenas dispuxo de disparos entre os tres paus máis aló dunha primeira aproximación aos poucos segundos de xogo, aguantou e repeleu o empuxe do conxunto celtiña. Os de Giráldez, que presentou un once con futbolistas pouco habituais como Cervi ou Aidoo, tampouco é que estivesen moi afinados nos metros finais, pero si contaron con máis alternativas, sobre todo cando o do Porriño botou man das súas figuras, Iago Aspas e Borja Iglesias.

 

Xa na prórroga o Sant Andreu tivo a súa oportunidade cun disparo seco de Alexis García. A tolemia chegou á bancada do Narcís Sala, pero Borja Iglesias respondeu de maneira inmediata coa igualada, xusto antes de chegar ao descanso da prórroga.

 

G7WyoBVWIAAL829
Foto: Sant Andreu

 

O marcador non se moveu máis, aínda que si o equipo pola expulsión de Carlos Domínguez, e o duelo decidiuse desde os once metros. Non foi até o décimo cuarto lanzamento que Serrano estrelou o esférico na madeira, o único fallo da quenda, que acabou dando o billete á seguinte rolda ao Celta, o terceiro galego clasificado -o de maior categoría e o que o fixo con máis apuros, para máis inri- no torneo do K.O., onde seguen en pé Deportivo da Coruña e o Ourense CF, o matagigantes desta edición.

 

 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE