Os sindicatos prevén un outono quente na sanidade pública galega
Cunha folga convocada para novembro, haberá "conflitividade" en centros sanitarios a partir de setembro.
Sindicatos da sanidade anuncian "conflitividade" laboral.
Os sindicatos CESM e OMEGA anunciaron a convocatoria dunha folga na sanidade a partir do próximo mes de novembro para reclamar á Xunta de Galicia que inclúa nos orzamentos de 2018 a partida económica necesaria para negociar a Carreira Profesional.
Nun comunicado, as centrais sindicais explican que na Mesa Sectorial de Sanidade celebrada este mércores non se entrou a negociar a carreira profesional ordinaria, co argumento de que primeiro se tería que dispoñer de respaldo económico. "Total, que nos queren levar, como mínimo, a 2019".
En todo caso, os sindicatos aclaran que a convocatoria de folga se realiza en novembro para demostrar a súa vontade de acordo e dar así un "prazo razoable" á Administración para que "cambie de actitude".
"CONFLITIVIDADE" EN CENTROS SANITARIOS
O sindicato CCOO criticou ao Servizo Galego de Saúde por rexeitar na última celebración da mesa sectorial, celebrada este mércores, a negociación da recuperación dos dereitos "roubados" ao persoal deste ámbito durante a crise económica e advertiu que haberá "conflitividade" en centros sanitarios a partir de setembro.
A través dun comunicado, o secretario xeral de CCOO-Sanidade, Ángel Cameselle, reprochou á administración sanitaria que durante anos asegurase que a situación era "conxuntural" e que se "reverterían os recortes despois da recesión económica".
Con todo, a central sindical critica que, a pesar dos anuncios do presidente da Xunta de Galicia sobre a recuperación da economía, o persoal sanitario non vise recuperados os seus dereitos, cunha "carreira profesional paralizada", sen avances sobre os tres días de asuntos propios e sendo os da sanidade "os únicos traballadores da Xunta con descontos por baixa laboral", que diminúen o salario "un 50% os tres primeiros días".
CCOO reclamou ademais a recuperación salarial, a xornada laboral de 35 horas e unha oferta de emprego "excepcional" que permita cubrir de forma estable case sete mil prazas na sanidade pública.
NEGOCIACIÓN EN SETEMBRO
O sindicato explica que formulou, do mesmo xeito que o resto dos sindicatos, o establecemento dun calendario de negociación a partir de setembro, que debería rematar antes da aprobación dos orzamentos de 2018, e reprocha que a directora de Recursos Humanos do Sergas rexeitase aceptar o calendario á espera dos orzamentos autonómicos.
Neste contexto, Comisións Obreiras vaticina que haberá "conflitividade" nos centros sanitarios a partir de setembro, ante a falta de avances nas negociacións.
"De pouco nos serve a comprensión da responsable de Recursos Humanos se a continuación se pretende atrasar as negociacións para impedir unha verdadeira negociación", conclúe CCOO.
Escribe o teu comentario