SOS Sanidade Pública, ante os colapsos: "Non é a gripe, son os recortes"
A plataforma insiste na "ausencia de planificación" e a "falta de persoal" como causantes da deterioración.
A Plataforma SOS Sanidade Pública alertou que os "recortes" e a "falta de persoal" está a provocar "colapsos" nos servizos de Urxencias dos hospitais galegos ante a epidemia de gripe. "Non é a gripe, son os recortes", denunciou.
A través dun comunicado emitido este domingo, SOS Sanidade Pública mostrou o seu apoio á campaña da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, na que reclaman un "plan de urxencia para abordar as deficiencias de recursos que inclúa a reposición de persoal, camas hospitalarias e centros de saúde antes de que a situación de deterioración sanitaria sexa irreversible".
Así, denunciaron que "acumular pacientes nos corredores atenta contra a dignidade" de persoal e pacientes, situación que ademais "agrava o sufrimento" destes últimos.
Unha realidade que as plataformas cren "consecuencia dos recortes introducidos no Sergas coa escusa da crise", que viu reducido o seu orzamento nun "18,3 por cento",
Ademais, apuntou que, desde o inicio da crise económica, a Sanidade Pública galega perdeu "447 camas, máis de 392 médicos en centros de saúde e 121 en hospitais", ao que hai que sumar a "paralización" do plan que tiña previsto "crear 66 novos centros de saúde e mellorar a súa capacidade resolutiva" dotándoos de "novos recursos e equipamento".
Así mesmo, lembrou que existe unha "ausencia de planificación" para combater "epidemias periódicas e estacionales" coma a da gripe, que deberían "obrigar aos servizos sanitarios a ter previstos recursos para facerlles fronte".
Escribe o teu comentario