As novas rutas de autobuses aínda necesitan "axustes puntuais"
Despois dunhas tres semanas en marcha, aínda faltan liñas por entrar en funcionamento antes de que empece o transporte escolar.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, afirmou que "todas" as rutas do Plan de Transporte están "en marcha", aínda que precisou que se están realizando "axustes puntuais".
Así o manifestou, a preguntas dos medios, tras comparecer despois dunha reunión con asociacións veciñais de Navia en Vigo. A conselleira confirmou, ademais, que este martes poñeranse en funcionamento dúas novas liñas no Morrazo: unha circular e outra entre Moaña e Cangas.
Ethel Vázquez incidiu en que este plan se puxo en marcha "porque Galicia quedaba sen transporte" tras materializarse as renuncias que farían desaparecer 600 liñas.
"Agora estamos a facer axustes puntuais", precisou, en alusión a casos como o de Trives, onde se produciu un "erro material" que se emendou cunha chamada de teléfono.
Segundo lembrou a conselleira de Infraestruturas, o Plan de Transporte contempla case 800 novas rutas, e outras comunidades implantaron modelos similares.
Así mesmo, tamén incidiu en que, a partir do 11 de setembro, empezarán a funcionar as rutas compartidas co transporte escolar, nas que a atención aos nenos "será sempre prioritaria" e para o que se aumentará nun 60 por cento o número de 'acompañantes' dos menores.
Escribe o teu comentario