O "caos" dos autobuses empeorará "co comezo do curso" escolar

|

MarquesinaparadaautobusParada de autobús.


O BNG mostrou este luns de novo a súa oposición ao plan de transporte de viaxeiros da Xunta vinculando este proceso a "intereses ocultos" e pediulle á Administración galega toda a documentación das adxudicacións, así como que se sometan os criterios empregados a unha auditoría.


En rolda de prensa en Santiago de Compostela, os deputados nacionalistas Luís Bará e Noa Presas lembraron que, segundo a Lei de Transparencia, os criterios empregados para as adxudicacións deberían "ser públicos" e "accesibles", polo que reclamaron de forma oficial no Parlamento que se lles facilite "toda a documentación".


Ademais, Bará criticou as "présas" coas que se levou adiante este proceso que, resaltou, xerou "un cúmulo de problemas a semana pasada" polo "barullo creado" en horarios, paradas ou rutas, o que supuxo un "empeoramento caótico" do servizo.


Os "innumerables problemas", destacou o deputado, están a "resolverse dando liberdade ás adxudicatarias" para "volver ao que había antes", o que supón "incumprir o contrato" e, segundo Bará, pon de manifesto que todo este proceso "se levou a cabo para favorecer intereses ocultos".


"Xa lle dixemos á Xunta que por este camiño se ía mal, facemos un chamamento para que senten a negociar", dixo Luís Bará, que alertou de que esta situación é "só un preludio" do "caos que se vai producir a partir de setembro, co comezo do curso".


LUGO E OURENSE


Noa Presas, pola súa banda, incidiu nos problemas xerados nas provincias de Lugo e Ourense, as máis envellecidas e aquelas nas que o transporte público é "unha necesidade". En particular, criticou os problemas de conectividade que as novas rutas teñen con respecto a hospitais coma o de Valdeorras e cuxa "solución" foi "manter o horario que había antes".


Por mor desta cuestión, Presas dixo que o BNG estará "vixiante" para que se faga unha auditoría sobre "os criterios que se empregaron para favorecer estas concesións" e que, segundo destacou, non son cuestións como "a mobilidade ou a accesibilidade", senón "outros máis economicistas".


En conclusión, o BNG reclamou unha vez máis que "este plan se paralice" e se negocie outro consensuado co sector e coas necesidades da poboación, así como que "se faga unha auditoría exhaustiva" sobre os criterios.

relacionada Varias concesionarias das liñas de buses deixan nun limbo a 20 condutores
relacionada "Innumerables problemas" no arranque do novo plan de transporte

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress