Juanfran queda: "Nunca tiven ningún motivo para saír"
O xogador non quixo escoitar as ofertas de catro equipos. Sobre Lucas Pérez, afirma que ten "o seu sete e o seu 'C' de capitán agardándoo".
Juanfran está onde quere estar. Foto: RC Deportivo
Juanfran fala claro sobre a súa continuidade no Dépor. "Non teño ningún motivo para saír nin o tiven", afirmou con rotundidade esta mañá en Abegondo.
O xogador recoñece que "é verdade que tiven catro opcións para saír e Richard estivo sempre ao tanto", pero explica que "para que chegue unha oferta ten que haber un acordo co xogador e o equipo que queira ficharte". E non foi o seu caso.
"Non tiven en ningún momento intención de saír do Deportivo, pelexei moito por estar aquí", insistiu o xogador, que reforzou o seu argumento cos seus lazos familiares, "unha filla nacida aquí hai sete meses, galega, socia do Dépor aos dez días de nacer". "Aquí estou que é onde quero".
Juanfran só sairía se llo pide o club. "Non vou ser un impedimento para nada", explicou, comparando a situación coa de "grandes profesionais e persoas que se botaron a un lado polo ben do club", en referencia a Laure e Bergantiños.
E se fala claro sobre a súa situación, tamén sobre o ruxerruxe da posible volta de Lucas Pérez. "Aquí está o seu sete e o seu C de capitán agardándoo, oxalá que o poidamos ter aquí, porque sabemos que é un salto enorme de calidade e o futbolista diferente que se cadra nos fai falta".
Aínda que sobre a capitanía, comentou que ten outro nome en mente, respectando sempre a Pedro Mosquera. "Teño un favorito que é Celso Borges polo que representa como futbolista, como persoa, creo que é un exemplo para todos. El sábeo porque llo dixen directamente", revelou.
Escribe o teu comentario