O día do 'Santo Pucherazo'

Manuel Fernando González Iglesias

Calleprogresoaos80A rúa Progreso nos anos 80 // Rafael Salgado, A Rexión


Hoxe é 28 de Xuño, tal día como hoxe á miña nai ocorréuselle dar a luz por cesárea no sanatorio que a seguridade social pagaba na rúa do Progreso, en Ourense, aos poucos traballadores que por aquel entón cotizaban. Nin que dicir ten que a rúa, por aquel entón, xa fora rebautizada co nome de General Franco, titular que perdeu tal privilexio coa chegada da democracia, porque no meu querido pobo, esperaron bastante menos que por exemplo os edís de Madrid para dar "o cambiazo" e volver esa rúa, que na miña nenez parecíame enorme, ao seu nome orixinal, que por certo os ourensáns sempre, con Franco ou sen el, sempre chamamos así: rúa do Progreso.


O meu nacemento, non ten a menor importancia para a humanidade, salvo que á miña nai Dona Pura Iglesias Outeiral, a pesar de saír moi mal parada daquela intervención, entón "moi avanzada para a época", cumpriu os seus primeiros 92 anos con saúde e enerxía, aínda que a cabeza, como dicían antes os avós, xa non é o que era.


O certo é que me sinto especialmente orgulloso de nacer precisamente ese día dese mes, porque, sobre todo, en tal data pero do ano 1936, celebrouse en Galicia o que todos os nosos historiadores deron en chamar 'o Santo Pucherazo', ou sexa: o Referendo popular para o Estatuto de 1936, que ante o resto dos españois nos situou "xuridicamente" ao mesmo nivel que Catalunya e Euskadi cando se reinstaurou a democracia en España. Os vascos nunca o esqueceron, os cataláns... bastante.


Entre os meus recordos está, no mellor lugar do meu pensamento, o afecto e amizade do gran Isaac Diaz Pardo, que me regalou parte dos seus recordos da época nunhas charlas que só un home sabio e galeguista profundo pode ofrecerlle a un interlocutor iletrado e curioso coma min. Con Isaac aprendín a amar Galicia verdadeiramente, coa intensidade que só homes como el sabían transmitir mesmo aos adversarios. Por iso, hoxe levanto a miña copa en forma de artigo, por el, en recordo a través seu, dunha xeración extraordinaria que me atrevo a chamar irrepetible, coa que o noso pequeno país ten unha débeda impagable que debe gardar na memoria colectiva das xeracións vindeiras. Feliz Aniversario, Galicia. Feliz 'Santo Pucherazo', Isaac Diaz Pardo. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE