O terrorismo islámico está a gañar a guerra aos líderes políticos de occidente. A bochornosa imaxe de cidadáns asustados que se refuxian en Notre Dame e aos que a policía obriga a manterse coas mans no alto, non deixa de ser un triunfo incuestionable para os xihadistas, a cuxos compatriotas nunca vimos en semellante posición dentro dunha mesquita.
E se iso é así, porque o é, como un goberno democrático europeo permite que os seus policias, armados ata os dentes, tras abater a un solitario terrorista, non atopen outra forma de aplacar o medo da cidadanía que convertela en "sospeitosos masivos" no interior dunha igrexa cristiá de natureza case emblemática. E engado algo máis: como o permitiu o clero francés? Ou, por que o Vaticano non puxo a caldo o goberno Macrón imitando a aqueles vellos frades que se enfrontaban aos señores cando un fuxido se refuxiaba baixo "teito sacro"?
E que dicir dos "fillos da Gran Bretaña", que manteñen a familia Echeverría sen información, sabendo xa "oficiosamente", polas pegadas dixitais entregadas, que o noso compatriota está tan morto como outras vítimas a cuxos seres queridos tamén se lles oculta a información, porque "sinxelamente" os seus dereitos humanos foron abducidos por un proceso electoral no que meteu aos seus compatriotas a moi incompetente Primeiro Ministra Theresa May. E ante esta circunstancia, unha pregunta, que clase de país somos que permitimos semellante vacile?
Como hoxe editorializaba un colega dixital lembrando a Churchill -"Elixistes o deshonor e teredes a guerra"-, son tempos de covardía e falta de valores ante o inimigo que nos declarou de forma inequívoca a guerra. Unha situación ante a que Europa, sobre todo, a vella e taimada Europa, refuxiouse na Tontocracia, ese réxime taimado e abúlico, no que os dirixentes se negan a ver mais alá dos seus narices e deixan facer, con tal de non perder os seus pequenos privilexios ata que a xente se dea conta de que, mesmo ir á igrexa para buscar amparo os converte en sospeitosos, e que, por tanto, non se pode estar seguro en ningures.
Repito, imaxe bochornosa a de Notre Dame, e aínda peor a da moi famosa "intelixencia" británica, engrandecida nas películas do seu 007, que agora o xenial Ibañez podería moi ben caricaturizar meténdoos de cheo na "Tía" ou á beira dos irrepetibles "Pepe Gotera y Otilio" para acabar de facer bo o famoso slogan das "chapuzas a domicilio" ou sexa "home cleaning".
Escribe o teu comentario