112, un servizo público que non pode depender do lucro

Eva Solla
Vicepresidenta do Parlamento

Vicepresidenta do Parlamento de Galicia e deputada de En Marea. Enfermeira nas listas de contratación do SERGAS. Cursou os seus estudos na universidade pública. Desde pequena tivo inquedanzas políticas aínda que comezou a súa militancia hai case unha década nas filas de Esquerda Unida. Actualmente é Coordinadora Nacional de Esquerda Unida. Desde 2014 é a secretaria xeral do Partido Comunista de Galicia.

112emerxencias


Imaxine que do seu traballo dependen vidas humanas. Imaxine que vostede e algunhas das persoas compañeiras de traballo denunciaron que os medios son escasos e pouco coordinados. Imaxine que a pesar desa responsabilidade vostede está subcontratada/o e que ten un salario mileurista.


Imaxine que a pesar de todo isto vostede fixo o seu proxecto de vida preto do seu centro de traballo, que depende da administración, pero este é deslocalizado sen que vostede poida opinar.


Imaxine ademais que cando pide explicacións á súa empresa dille que a culpa é da administración á que vostede non pode reclamar.


Logo imaxine tamén que vostede advirte que as condicións dese traslado poñen en perigo a atención ás persoas das que depende a súa vida. Figúrese que a administración fai caso omiso, a empresa fai caso omiso e as advertencias cúmprense.


Vostede ponse en folga. Como último recurso, xa que ninguén parece escoitar.


Vostede é intimidado para cesar a súa folga.


A administración que non a/o escoita cúlpao agora dicindo que se o traballo non funciona ben é só porque vostede está en folga.


Esta é a situación das traballadoras e traballadores do 112. As persoas que collen o teléfono e coordinan os recursos para atendernos se o noso coche cae a un río, hai un incendio, afunde un barco ou hai unha catástrofe no noso país. Esas persoas, con tamaña responsabilidade teñen, polo xeral, salarios baixos, nun servizo privatizado.


A pasada lexislatura a Xunta decidiu que quería empregar dez millóns de euros en facer un novo edificio para situar o servizo de Emerxencias e que o faría a uns 30 quilómetros do edificio actual. A pesar da opinión en contra das traballadoras e traballadores, levou adiante a obra e programou o traslado. Un traslado que incluía o cambio de sistema operativo para a xestión de chamadas


O desprazamento non tiña unha contraprestación para o persoal a pesar de mudar mesmo de concello e o que é peor: a formación co novo programa foi escasa e o sistema daba fallos antes mesmo de empregalo.


Así as cousas, ese persoal, pediu á Xunta e á empresa que sentasen a falar do tema, pero nada obtiveron en limpo. Os escasos momentos onde puideron sentar a falar, finalizaron cun mantemento férreo da data do traslado (a pesar dos problemas no sistema) e con ofertas nimias a nivel económico. Tan só unhas semanas de adiamento conseguiron arrincar, xa en 2017, ante a ameaza de folga.


Pero o traslado fíxose efectivo o 15 de Abril. O mesmo día que o persoal, esgotado de pedir diálogo, iniciou unha folga indefinida que, a día de hoxe manteñen.


Polo camiño, gañaron a sentenza ante uns servizos mínimos que impedían o dereito á folga (100%), polo camiño foron intimidadas e intimidados para cesar no exercicio dos seus dereitos, algunha compañeira sancionada e por suposto escasamente escoitados.


Mes e medio despois seguen mantendo a súa dignidade, mantendo a folga, apoiados polas plataformas de bombeiros de Galicia e polos colectivos de técnicos/as do 061. E tendo que soportar que o Goberno achaque agora o mal funcionamento do servizo á súa folga, precisamente, cando a inoperatividade da plataforma foi un dos motivos para anunciala.


O pasado día 1 a Xunta impediu o ingreso do comité de folga nas dependencias dos seus postos de traballo durante a nosa visita ás instalacións. Estivemos con elas e eles na porta, comprobamos o desprezo da administración, puidemos observar o control mesmo de policía 'secreta', vixiante desde algún coche próximo.


Que te traten como un delincuente cando reclamas os teus dereitos laborais é terrible, que o fagan cando tamén reclamas calidade nun servizo tan delicado é aínda peor. Porque, que non nos leven a engano: hai un conflito laboral si, pero tamén hai unha pelexa pola calidade do servizo das emerxencias. O de todas e todos os galegos. Quen nos atende se hai un incendio, unha catástrofe, un afundimento?


Hai servizos que non poden estar en mans de empresas privadas, con ánimo de lucro.


Hai servizos cos que non se poden facer 'experimentos'.


As Emerxencias son un deles.


Debemos seguir apoiando ás que loitan polo que é de todas e todos.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE