A sanidade pública: a nosa urxencia

Eva Solla
Vicepresidenta do Parlamento

Vicepresidenta do Parlamento de Galicia e deputada de En Marea. Enfermeira nas listas de contratación do SERGAS. Cursou os seus estudos na universidade pública. Desde pequena tivo inquedanzas políticas aínda que comezou a súa militancia hai case unha década nas filas de Esquerda Unida. Actualmente é Coordinadora Nacional de Esquerda Unida. Desde 2014 é a secretaria xeral do Partido Comunista de Galicia.

Infarto. Tres horas nun corredor sen poder ser atendido. Risco vital. O resumo dunha das xornadas do pasado Nadal, nas que o Servizo de Urxencias do Hospital de Santiago de Compostela colapsábase ante a indiferenza do Conselleiro de Sanidade. Enfermos graves amoreados nos corredores, coma se tratásense de mercadoría para almacenar. Traballadoras e traballadores extenuados, cansos, tensos.


Hai dereito?


O persoal do Servizo de Urxencias leva moito tempo advertindo das carencias de profesionais. Carencias que poñen en risco a vida das persoas. Carencias que elevan a carga de traballo ata facer enfermar ao propio persoal sanitario.


O 20% do persoal de enfermería do servizo atópase de baixa. En moitos casos por tensións. As xornadas de traballo son tan brutais día tras día, que algunhas sanitarias manifestan cadros de ansiedade.


O persoal médico denuncia continuamente as inaceptables demoras. Demoras que ata tres veces finalizaron na fiscalía, denunciadas por elas e eles mesmos. Na defensa dos dereitos dos seus enfermos.


Falecer nun corredor. Hai dereito?


O Conselleiro de Sanidade non quere nin oír falar de colapso. Di a Real Academia Galega da Lingua que colapso é unha “alteración brusca no desenvolvemento dunha actividade, que pode provocar a súa parada”.


A pasada semana había enfermos moi graves nos corredores do Servizo de Urxencias, amoreándose en padiolas e cadeiras de rodas. O día 2 de xaneiro chegaron a ser ata 29 nos corredores. Sumados aos que permanecían nas salas de observación, boxes e salitas de espera. Ou sexa, un colapso en toda regra.


O peor é que esta situación non se trata dun “caso illado”. O persoal do servizo leva dous meses en folga porque a Xunta continúa negándose a poñer máis profesionais sanitarios, cando esta situación repítese unha e outra vez.


Situación que ben coñecen tamén noutros Servizos de Urxencias, como en Vigo ou na Coruña. Situación que padecen de forma alarmante os servizos dos Puntos de Atención Continuada, cuxo persoal leva tamén meses de protestas e folga, que esta semana vén de facerse indefinida.


Tras máis dun ano de demanda de máis profesionais por parte do cadro de persoal das urxencias do CHUS e dous meses de folga, o único xesto da Consellería foi a tentar desmobilizar inventando unha presunta carta dalgúns xefes de servizo contra a folga. Non o conseguiron. Todo o persoal das urxencias está unido denunciando a vergoña de que, en pleno século XXI, alguén poida morrer nun corredor sen chegar a ser atendido pola cantidade de enfermos e enfermas que ten que atender cada sanitaria ou sanitario.


O mércores 9 de xaneiro, Compostela debe ser un único berro apoiando a loita do persoal sanitario que defende á sanidade pública da urxencia á que a ten sometido o goberno do Partido Popular.



Defendámola, porque se nos vai a vida nela.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE