O 112 estivo o xoves "paralizado con dez chamadas en espera"
Varios deputados visitaron as instalacións da Estrada, onde o comité de empresa lles relatou os fallos da nova plataforma informática.
Ante o conflito do 112, unha delegación da Comisión Institucional do Parlamento visitou as novas instalacións da Estrada. Tras o encontro, tanto En Marea como o PSdeG denunciaron que aos membros do comité de empresa "lles restrinxiron a entrada ao recinto mentres durou a visita institucional".
Nun comunicado, o partido instrumental sinalou que a deputada mantivo un encontro con representantes do comité de empresa antes de acceder á nova sede do 112.
Alí, Solla manifestou que a plataforma electrónica de atención ás chamadas "continúa dando fallos" e que estes xa foran denunciados "antes de que se executase o traslado". De feito, o comité de empresa denunciou que na mesma mañá deste xoves volveu estar "paralizada con ata dez chamadas en espera".
Así mesmo, criticou que a Xunta siga "sen sentar cos traballadores e sen resolver os problemas do sistema a pesar das múltiples denuncias".
"Parécenos indignante que nos impidan dar a versión dos feitos cando temos claro que o que tentan facer con esta visita institucional é simplemente un lavado de cara", declarou o secretario do Comité de Empresa, Carlos Barros.
O portavoz do Grupo Socialista na Comisión Institucional da Cámara, Juan Díaz Villoslada, reclamou á Xunta que faga "todos os esforzos necesarios" para resolver as incidencias provocadas polo traslado do 112 á Estrada.
O responsable socialista manifestou a súa "sorpresa" ante as explicacións dos responsables de Emerxencias do Goberno galego, que aseguran que "todo funciona con normalidade" a pesar das "incidencias" rexistradas.
Do mesmo xeito que fixo este xoves a deputada de En Marea Eva Solla, o parlamentario socialista tamén subliña que non se permitiu a entrada do comité de empresa durante a súa visita ás instalacións, "o que permitiría contrastar as explicacións dos responsables do servizo".
Os deputados socialistas mantiveron, ademais, un encontro cos membros do comité de empresa ao final da visita.
Escribe o teu comentario