Centos de eucaliptos e koalas 'invaden' a Praza do Obradoiro

Trátase dunha "plantación simbólica" coa fin de denunciar a impunidade da industria pasteira e o "todo vale" en materia ambiental da Xunta. 


|

Eucaliptosobradoiro


A Praza do Obradoiro converteuse por unhas horas nun gran bosque de eucaliptos para denunciar a "invasión" desta especie na flora de Galicia e para reclamar o fin da "impunidade" coa industria pasteira e o "todo vale" en política ambiental.


Ademais da "plantación" simbólica de numerosos eucaliptos fronte á Catedral de Santiago, centos de persoas participaron na concentración na que algúns asistentes se caracterizaron como koalas e que se pechou coa lectura dun manifesto no que alertaron de que esta especie ocupa xa "un 17%" do territorio de Galicia.


"Parece que para a industria do eucalipto non existen limitacións: todo vale con tal de seguir engordando a conta de beneficios da celulosa", remarcou Anxo Moure, encargado de dar lectura ao manifesto no que tamén denunciou "a colaboración cómplice da Xunta" ante a "impunidade" coa que os eucaliptos "ocupan espazos de alto valor natural e patrimonial".


O acto foi convocado pola 'Rede Cousas de Raíces', integrada por máis de 60 organizacións do ámbito ecoloxista, cultural e político, en colaboración coa 'Asemblea contra a eucaliptización' da área de Santiago.


Ademais, na concentración participaron representantes políticos como os concelleiros do goberno local de Santiago Jorge Duarte e Xan Duro, o portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, e os deputados nacionalistas Luís Bará e Ana Miranda, así como os parlamentarios de En Marea Marcos Cal e Ángela Rodríguez.


IMPACTO SOBRE O PATRIMONIO


En declaracións aos medios, o secretario da asociación ecoloxista Adega, Fins Eirexas, denunciou que a plantación indiscriminada de eucaliptos "non só" afecta ao medioambiente, no que o "monocultivo" desta especie provoca perda de biodiversidade, maior risco de incendios forestais e a erosión dos montes.


E é que, ademais destas consecuencias sobre a natureza, segundo Eirexas, a plantación de eucaliptos tamén provoca unha "perda patrimonial" en espazos protexidos como castros celtas, minas romanas ou xacementos arqueolóxicos.


Como exemplo diso, sinalou que as organizacións ecoloxistas detectaran "500 afeccións só na provincia de Lugo" sobre o patrimonio natural e etnográfico por parte da industria do eucalipto.


"TODO POLA PASTA"


"Todo pola pasta", ironizou Anxo Moure no manifesto, no que asegura que ese é o lema da "dona do monte galego": a industria da celulosa.


Un sector que goza da complicidade da Xunta quen, "obediente", entrega Galicia "ao monocultivo esperando polas prebendas e os retiros dourados nos consellos de administración da industria pasteiro-enerxética".


RECLAMACIÓNS


Así as cousas, os manifestantes reclamaron ás administracións o cumprimento da lexislación en materia ambiental para "impedir a forestación de terras agrarias e os plantíos sobre terras de interese", así como "declarar unha moratoria" para novas plantacións de eucaliptos, medida xa adoptada en Portugal.


Ademais, pediron á Xunta que prohiba a especie 'Eucaliptus nitens', a variedade máis numerosa desta árbore en Galicia, e que sexa incluída no catálogo de "especies exóticas e invasoras".


Así mesmo, esixen que se poña freo aos cultivos enerxéticos que aproveitan a biomasa para producir enerxía ("plantar-queimar-plantar") e que se estableza un "imposto verde" para que aqueles que planten eucaliptos deban "compensar á cidadanía".

relacionada A Deputación de Pontevedra talará os 300 eucaliptos da parcela do Castelo de Soutomaior
relacionada O asociacionismo galego comeza a unir forzas contra a "eucaliptización"
relacionada O sector madeireiro rexeita as limitacións á expansión do eucalipto en Galicia

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE