O asociacionismo galego comeza a unir forzas contra a "eucaliptización"
Diversos colectivos impulsan unha rede a nivel autonómico para elaborar unha "resposta común" á ameaza de que se masifiquen as plantacións en terras agrarias.
Crear unha rede de colectivos a nivel autonómico para poñer en valor os montes galegos a través da súa xestión racional respectando a paisaxe e a biodiversidade, e elaborar unha "resposta común" destas entidades para frear a implantación do eucalipto en Galicia son os obxectivos da iniciativa impulsada por Luita Verde e Erva, co lema 'Contra a eucaliptización do país'.
Case unha vintena de representantes de asociacións do suroeste galego reuníronse en Moaña (Pontevedra) convocados por estes dous grupos ecoloxistas para poñer en común ideas e propostas de traballo enfocadas a evitar o que Erva "sospeita" que se aveciña no futuro: o abandono de entre 250.000 e 300.000 hectáreas de terreo --moitas delas polo peche de explotacións lácteas-- "que se van dedicar á plantación de eucalipto", sinalou Pedro Alonso.
Isto tería unha "incidencia gravísima" nos montes e as terras agrarias, que pasarían "de terreos fértiles a terreos forestais", engadiu.
A convocatoria deste encontro suscitou tanta "expectación", segundo Pedro Alonso, que noutras cinco comarcas do resto de Galicia van celebrar asembleas similares nas próximas semanas. Con esa perspectiva, desde a organización barallan que en aproximadamente mes e medio se poida organizar unha reunión de ámbito galego.
ENCE
Erva e Luita Verde advertiron que, trala revisión do Plan Forestal de 1992, e a "patente de corso" para que prime o modelo "monte-industria, capitalizado por Ence", abrirase unha "nova etapa" cara a outro escenario "onde se vai saltar todo o máis íntimo dos recursos da comunidade", precisou Alonso.
Para estas entidades, a eucaliptización de Galicia é o resultado da "alianza" entre un 'lobby' promovido por Ence e os responsables da política de montes desenvolvida polo PP á fronte do Goberno galego.
Pola súa banda, o portavoz de Luita Verde, Cándido Martínez, lamentou que a presenza do eucalipto alcanza mesmo áreas da Rede Natura, que "apenas supón un 13% do territorio galego, cando a media de espazos protexidos a nivel estatal está no 27%". Por iso, Luita Verde propuxo incluír a ampliación da Rede Natura na futura táboa reivindicativa desta plataforma.
CONCELLOS
Entre os participantes nesta primeira chamada atopábanse organizacións vinculadas ao movemento ecoloxista, ao sindicalismo agrario, ao ámbito cultural, ao monte comunal e propietarios de monte privado.
Apostar polo labor educativo "botando abaixo os argumentos da industria" sobre as vantaxes da plantación de eucalipto, actuar no plano político para que se chegue a desenvolver unha lei de ordenación de usos das terras, e propoñer alternativas ao cultivo de eucalipto foron algunhas das propostas comentadas polos asistentes ao encontro.
Tamén se formulou involucrar os concellos no "control dos procesos de masificación do eucalipto". Como exemplo, a Irmandade Illa de Tambo anunciou a súa intención de trasladar aos municipios de Moaña, Cangas, Bueu e Marín unha moción que se acaba de aprobar por primeira vez en Poio, co voto unánime da Corporación municipal, a través da declaración do eucalipto como "especie invasora".
Escribe o teu comentario