Os que esperaban unha condena moito máis dura do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya --que presidiu o Maxistrado Jesús María Barrientos--, quedaron cos fuciños dunha cuarta. Con todo, mírese como se mire, a sentenza, unha vez sexa firme, impide que Artur Mas --xa mais coñecido como "o Astut"--, se presente ás próximas eleccións da ruptura, xa que o deixan fóra do circuíto do poder, por un espazo de tempo demasiado longo para as súas aspiracións inmediatas.
É coma se o fallo fose un aperitivo do que dará de si o Xuízo do Palau, o do Pretoria, e por suposto o da familia Pujol ao completo, que sen ningunha dúbida, pesarán gravemente sobre o futuro do PDeCat, tocado de morte pola corrupción dos seus pais fundadores.
Espérase que a Quico Homs o Supremo lle endose unha pena parecida á do TSJC, aínda que esta teña un nivel de xurisprudencia superior ao fallo do Tribunal catalán. A saída de ton de ERC tras coñecer a sentenza son fogos de artificio antes de que á súa Carmen Forcadell a senten tamén no banco e teña que asumir as consecuencias da súa desobediencia ao Tribunal Constitucional, que poderían mesmo incluír pena de prisión, ademais da consabida inhabilitación. O que pase co Parlament vai ser unha verdadeira proba de lume para o Goberno Rajoy.
Non creo que a ninguén, independentista ou non, lle produza ningún tipo de satisfacción esta condena a Mas e as súas dúas Conselleiras, pero o certo é que o fallo do Tribunal reborda moderación por todos os costados e un sentido de xustiza e lexitimidade que lle negaron constantemente os seguidores do ex President sen cortarse un pelo.
É tempo de rifas e ruidosos discursos que apenas achegan nada ao bo goberno e o arranxo dunha situación moi complicada, posto que Catalunya é xa un niño de abellas, porque os políticos que nos gobernan están xa fóra de control e con moi escaso sentido común.
O escenario que non desexabamos os partidarios do pacto e do acordo xa chegou e as súas consecuencias lamentarémolas todos.
Escribe o teu comentario