Cando os boxeadores de raza negra pasaron a dominar o boxeo mundial, alá polos primeiros decenios do pasado século, comezou a utilizarse a expresión 'gran esperanza branca'. Facíase alusión entón a que algún púxil de raza branca faría tornar as cousas á súa anterior 'orde natural'. É dicir, que a supremacía dos brancos no deporte do puxilato volvese predominar como o facía en tempos de Jack Dempsey, tras o pasaxeiro fulgor de Jack Johnson, primeiro afroamericano en proclamarse campión mundial (1908-15).
Con todo, Joe Louis ratificou durante case doce anos (1937-1949) o dominio incontestable dos boxeadores negros na categoría de pesos pesados, o cal se mantivo ata os nosos días
En xeral, alúdese á 'esperanza branca' cando se produce unha situación que moitos consideran anómala ou indesexable, esperando que alguén poida superala cunha actuación inapelable. A expresión leva implícita a aparición dun inesperado 'outsider' gañador.
É Emmanuel Macron, aspirante á presidencia de Francia nas próximas eleccións do 23 de abril (primeira volta) e, eventualmente, o 7 de maio (segunda volta), a 'gran esperanza branca' no país galo?
Hai apenas unhas semanas, Macron era un político case descoñecido alén das fronteiras de Francia, onde fora Ministro de Economía (2014-16) no goberno socialista baixo a presidencia de François Hollande. O seu pedigrí político, con todo, estaba fóra de dúbidas, xa que se formou como inspector de finanzas na 'Ècole nationale d'administration', auténtico viveiro das elites sociais francesas.
Poida que a súa curta idade (39 anos) non reflicta un dilatado currículo de cargos e experiencias políticas. Tampouco dispón do aval directo dos seus antigos camaradas de partido. 'A honestidade obrígame a dicirvos que xa non son socialista', declarou en agosto de 2016 tras abandonar o goberno de Manuel Valls.
A continuación impulsou a súa plataforma política ('En marche!') co propósito de presentarse ás próximas eleccións presidenciais. Emporiso, á hora de redactar estas liñas, Macron aparecía como o favorito a disputarlle con éxito a Marine Le Pen o 'ballôtage' da segunda volta electoral.
Nas últimas sondaxes, Macron foi apoiado directamente por un 21% dos electores franceses, porcentaxe que contrasta co 24% de Marine Le Pen, a candidata da extrema dereita francesa, xenófoba e abandeirada da 'grandeur' da estado-nación francés en versión reminiscente do réxime de Vichy (1940-44). O candidato da dereita republicana François Fillon, obtén un respaldo similar ao de Macron, pero na hipotética segunda volta a súa vitoria sobre Le Pen sería menor (56% fronte a un 44%) que a de de Macron (59% por un 41%), se este fose finalmente o candidato opositor á líder ultradereitista.
Coinciden moitos observadores en subliñar que o obxectivo principal a dirimir nas próximas eleccións non é outro que o de frear a Le Pen na segunda volta. Importa relativamente menos se o candidato para derrotala é un republicano ou socialista. Os franceses dispoñerán da posibilidade de votar en maior sintonía coas súas preferencias ideolóxicas e políticas nas eleccións lexislativas que se celebrarán poucas semanas despois das presidenciais (11 e 18 de xuño).
Estando así as cousas, os diversos escenarios de futuro indican que resultaría improbable a vitoria final da candidata antieuropea. Pero os imprevisibles resultados producidos con motivo do Brexit e a elección de Donald Trump en EEUU, engaden moita leña á teoría da imposibilidade do triunfo de Le Pen. A vertixe producida polos últimos acontecementos políticos aconsella prudencia e determinación para evitar o desastre político no Vello Continente. É moito o que nos xogamos respecto ao provir da Europa unida.
Macron insiste que nos tempos que corren a única soberanía posible é a europea: 'É a única alternativa para facer fronte a incertezas globais, os desafíos climáticos e as ameazas terroristas'. Declárase un europeísta convencido cando non está de moda dicilo abertamente e sen matizacións. A súa equidistancia entre a dereita e a esquerda tradicionais parece ser un activo para mobilizar aos franceses de ambos os lados do espectro político.
Nas próximas semanas que restan ata o 23 de maio recrudecerase a intensidade das campañas negativas. Ao non terlle atopado ningún 'esqueleto no armario' en forma de corruptelas ou apropiacións indebidas, como sucedeu con outros candidatos presidenciais, volverase insistir na súa desmentida homosexualidade ou na 'rareza' de convivir cunha muller case vinte anos maior que el. Afeitos estamos a todo tipo de alegacións con fins de descrédito político. Pero a constatación de que persoas tan 'irreais' como Nigel Farage ou Donald Trump saíronse coa súa deberíanos curar de espanto.
Tras o abandono da UE por parte do Reino Unido, avalado mesmo polo languideciente laborismo de Jeremy Corbyn, para impulsar con EEUU a anglobalización, Europa necesita do pulso vigoroso de Francia e Alemaña. Macron é o único candidato partidario dun acordo estable con Alemaña. A súa valentía para propoñer un eixo franco-alemán fundaméntese na convicción de que os dous países pouco poden facer por libre e individualmente: "É necesario que Francia asuma as súas responsabilidades sobre o plan económico e orzamentario e acometa as reformas debidas. Despois, Alemaña debe acompañarnos con máis investimentos e un relanzamento da zona euro".
Se algún dos dous países centrais de Europa que celebran eleccións transcendentais durante 2017 falla, diriamos adeus á realidade do modelo social europeo e ao soño dos franceses Robert Schumann e Jean Monnet de conseguir unha 'unha unión sen cesar máis estreita entre os países europeos'.
Agora máis que nunca, a civilización europea libre, igual e solidaria asiste ao envite de consolidarse ou confrontar a súa morte segura.
Escribe o teu comentario