A Fiscal Ana Magaldi non se engurrou e dixo con claridade e valentía que a ela, o outro día, lle chamaron "merda, fascista, vaite de Catalunya, fóra!" porque o coro de nenos cantores de Mas a tomou con esta defensora pública e a institución que representa, tralo xuízo celebrado na Audiencia de Catalunya. Outro individuo saltou o cordón de seguridade e encarouse en ton ameazante con ela, sen que os mossos fixesen nada para evitalo.
Señores do procés! así non imos a ningunha parte e o que Vds. conseguen con actos coma este é a indignación dos que cremos que a lei hai que respectala. Enténdao dunha vez por todas!: Catalunya é unha sociedade libre e democrática, e todos formamos parte da mesma, sexa cal for o noso pensamento. Ou é que algúns a queren converter noutra Irlanda do Norte?
A ningún catalán lle gusta ver sentado nun banco ao President da Generalitat, pero a moitos parécenos estupendo que todo o mundo sexa igual ante a lei e que quen xurou defendela a respecte ata as últimas consecuencias. Ese xuízo trataba desa delicada cuestión e sobre tan importante asunto aínda ha de emitir sentenza o Tribunal Superior de Catalunya, e todos, repito, todos, habémola acatar, tanto se é absolutoria, oxalá, coma se a condena inhabilita para cargos públicos os acusados. O percorrido apelatorio, se o hai, virá despois, e todo será legal.
Non entendo como un suxeito ou suxeitos poden insultar gravemente a unha Fiscal nun lugar púbico e "os gardas" non os deteñen nese mesmo instante, e moito menos, que un salte o cordón policial e non acabe esposado nun dos furgóns dos mossos. A que foron estes gardiáns da lei á Audiencia de Barcelona, a protexer só aos independentistas e aos seus líderes ou a evitar a violencia dos exaltados? E quen foi o incompetente que deu semellante orde de non deter os exaltados, se é que a deu? Xa está ben. Comézase chamando fascista e merda a un Fiscal e acábase como non quero supoñer que se acaba.
Respecto, tolerancia e liberdade para todos. E para Vd. Señora Magaldi a miña admiración e fraternal solidariedade.
Escribe o teu comentario