Toda a costa galega continúa en risco "extremo"
A frota permanece amarrada e os colexios de toda a comunidade suspenden as actividades no exterior polo vento.
A frota galega permanece amarrada a porto de novo este venres debido ao temporal que mantén todo o litoral de Galicia en risco extremo por forte ondada. Así o confirmaron a Europa Press fontes de confrarías e lonxas das provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo que precisaron que, nalgún casos, levan amarrados os barcos varios días polo mal estado do mar.
En concreto, en puntos da costa coruñesa como Ares a frota leva amarrada toda a semana; e en zonas do litoral pontevedrés como Baiona os barcos permanecen en porto desde o xoves e na Guarda toda unha semana, segundo comentaron as mesmas fontes.
Tamén na provincia de Lugo a frota quedou de novo, como na xornada do xoves, sen faenar en zonas como Burela e Celeiro debido ao temporal no mar.
De feito, o risco por fenómenos costeiros será "extremo" (vermello) este venres en todo o litoral galego, onde se espera mar combinado de forza 8, ocasionalmente 9 a 10 durante a madrugada, o que significa ondas de 10 metros de altura e ventos de ata 140 quilómetros por hora.
O VENTO, O PRINCIPAL PERIGO
Unha borrasca pasará moi preto de Galicia este venres, traendo consigo unha situación meteorolóxica adversa na terra e no mar. Deste xeito, espéranse ceos moi nubrados ou cubertos, con choivas de intensidade moderada, localmente fortes, que poderán vir acompañadas de tormenta.
Segundo a información de Meteogalicia, os ventos soprarán do suroeste de fortes a moi fortes, especialmente no litoral e zonas altas. As temperaturas estarán sen cambios ou con lixeiros ascensos puntuais.
OS COLEXIOS, EN ALERTA
A Xunta estendeu a situación de alerta de nivel vermello polo temporal costeiro e a alerta laranxa por fortes ventos a este venres, cando se esperan refachos que poderían superar os 111 quilómetros por hora.
Ademais, a Consellería de Educación suspende as actividades no exterior dos centros educativos en todos os concellos a partir das 15.00 horas, pero mantén a actividade docente e o transporte escolar. A pesar diso, deixa en mans dos directores a adopción das medidas oportunas no caso de que as circunstancias meteorolóxicas supoñan un risco superior ao esperado na súa localidade.
O TRANSPORTE PÚBLICO, AFECTADO
As malas condicións climatolóxicas están a provocar, ademais, atrasos nos trens na comunidade. O servizo de atención de Renfe informa os pasaxeiros de que a estación poñerá á súa disposición autobuses ou opcións altrenativas de transporte, polo menos aos que se desprazan fóra de Galicia, mentres as condicións non permitan circular aos trens.
Escribe o teu comentario