O temporal ameaza con cancelar o Dépor-Betis en Riazor
O estadio herculino sufriu danos en dúas zonas que poden afectar á seguridade. Debaten se recolocar os afeccionados ou suspender o encontro.
A celebración do Dépor-Betis desta noite en Riazor está aínda no aire. O estadio de Riazor sufriu danos como consecuencia do temporal e espérase a entrada doutro, o que pode supoñer un perigo para a seguridade dos afeccionados.
Así o manifestou esta mañá Carlos García Touriñán, director de seguridade cidadá do Concello da Coruña en declaracións radiofónicas. "As decisións van tomadas non en como está agora a situación, que tampouco é que sexa unha situación grave, pero si que se aproxima un novo temporal e aí é onde hai que tomar medidas", anunciou.
Segundo Touriñán "os danos son nestes momentos na bancada de pabellón son bastante importantes. Non hai dano en canto á estrutura, pero si a uralita. E tamén algunhas cousas na bancada de marathon". Por iso, unha reunión de urxencia da directiva do Dépor baralla recolocar o público ou mesmo non celebrar o encontro.
"Están abertas todas as posibilidades. A decisión tomarase canto antes para dar cobertura tanto ao evento deportivo como aos afeccionados. As autoridades deportivas e o club tamén teñen moito que dicir neste asunto. Nós só podemos avaliar as medidas de seguridade e as nosas decisións irán tomadas sempre en garantir a seguridade de todas as persoas que se se celebra o partido poidan vir ao estadio de Riazor", manifestou o responsable de seguridade cidadá.
OUTRAS INCIDENCIAS NA CIDADE
Tras un día enteiro de incidencias, Carlos García Touriñán referiuse ademais aos preparativos da cidade para o que esperan: "é un momento de tranquilidade, pero estamos recompoñendo todo e preparando todos os medios porque se aproxima outro temporal".
Escribe o teu comentario