Cinco equipos galegos esperan rival en Copa do Rei, con premio para Ourense, Racing de Ferrol e Pontevedra
Algún dos tres equipos de Primeira RFEF poderá medir a un equipo de Primeira División, talvez o Celta, pero hai equipos de niveis inferiores con máis papeletas.
Terminada a primeira rolda de Copa do Rei con presenza de equipos de Primeira División, xa hai unha primeira lista de matagigantes capaces de eliminar a equipos dunha ou dúas categorías por encima. É o caso de Ourense CF, que se vestiu de David para derrotar ao seu Goliat particular, o Real Oviedo, que sucumbiu con merecemento no Couto por 4-2. A bóla do cadro auriense estará no bombo xunto coas de Celta, Depor, Racing de Ferrol e Pontevedra, que tamén esperan adversario, aínda que as dificultades serán variables en cada caso.
UN SORTEO DE GRANDES CONTRA PEQUENOS
Polo formato, aos equipos de Primeira RFEF podería tocarlles o Celta de Vigo. Nestes sorteos de Copa están a priorizarse criterios de proximidade xeográfica, polo que é posible que haxa un duelo fraticida, como xa ocorreu co UD Ourense - Pontevedra, que se resolveu nos once metros tras o 1-1 final. O Racing de Ferrol, pola súa banda, deixou na cuneta ao Langreo.
Por outra banda, hai que considerar que nesta rolda son 15 os equipos de Primeira División que teñen pasaporte, coas ausencias aínda de Barça, Madrid, Atleti e Athletic e a xa coñecida baixa do Oviedo. Así, eses quince equipos da elite xogarán, seguro, contra Cieza e Portugalete, equipos de Terceira RFEF que eliminaron a Córdoba e Real Valladolid, e contra os once equipos de Segunda RFEF, entre os que destacan Numancia, Reus, Estremadura ou Atlético Baleares.
Ademais, os dous equipos de Primeira desemparellados terán que vérseas contra un quipo da división de bronce, categoría na que xa si entran ferroláns, pontevedreses e ourensáns. Poida que algún deste tres teñan o "premio" de xogar contra un Primeira División, como pode ser o Celta de Vigo, aínda que as súas opcións son moi baixas, considerando que hai outros oito equipos de Primeira RFEF no sorteo. Os equipos de Segunda, como o Deportivo, mediranse por tanto entre eles e a Primeira RFEF que aínda queden sen rival.
Escribe o teu comentario