Adif mantén a venda de billetes en todas as estacións, "como ata agora"
Sae ao paso dunha denuncia realizada polo sindicato CGT, que falou de risco de suspensión en polo menos sete estacións galegas.
Adif asegura que "continúa prestando o servizo de venda de billetes en todas as estacións como ata agora". Desta forma sae ao paso das denuncias realizadas polo sindicato CGT, que falou do risco de suspensión en Guillarei, Redondela (Pontevedra), O Carballiño, O Barco, A Rúa, Ribadavia (Ourense) e Sarria (Lugo), entre outros puntos de Galicia.
"Non hai ningún cambio neste servizo", respondeu o administrador de infraestruturas a través dun comunicado remitido aos medios, relativo a estacións ferroviarias de Galicia e de León.
A compañía, segundo apunta, "segue traballando na definición de todos os aspectos do traspaso deste servizo a Renfe, en estreita coordinación coa operadora ferroviaria e estudando cada caso de maneira individualizada".
Así, engade que, "independentemente deste proceso", os viaxeiros teñen á súa disposición "diferentes canles para adquirir os seus billetes, como a venda a bordo do tren para os servizos de proximidade, ou o teléfono e internet para o resto de servizos".
Escribe o teu comentario