Vídeo | Lavacolla entra na recta final: a pista xa está lista e comezan as calibraciones para reabrir o xoves
O aeroporto compostelán afronta os seus últimos días de peche coas obras principais completadas e os voos de proba do sistema de aterraxe por instrumentos programados para este fin de semana, informa AENA. A apertura coincidirá coas vésperas do inicio da tempada alta do turismo en Compostela, que leva un tempo á baixa en parte debido á caída de conexións no aeroporto. A reapertura coincide coa estrea de novas conexións a Xerez, Cork, Ámsterdam, Eivissa e, operada por United, Nova York.
As obras de renovación integral da pista do aeroporto Santiago-Rosalía de Castro superaron as súas fases máis exixentes e a infraestrutura entra xa na recta final antes da súa reapertura, prevista para o vindeiro xoves 29 de maio. Así o comunicou Aena, que confirma que o asfaltado, a sinalización e a iluminación do campo de voos están concluídos e que os traballos se centran agora nas comprobacións técnicas de todos os sistemas renovados.
O xestor aeroportuario detalla que este fin de semana levarán a cabo os voos de calibración necesarios para axustar o sistema de precisión ILS Cat. II/III, o dispositivo que guía as aterraxes en condicións de baixa visibilidade. Superadas estas probas, o aeródromo estará en condicións de operar con plenas garantías de seguridade. As obras continuarán sobre outras partes da infraestrutura unha vez que a pista principal quede operativa para as aeronaves.
O parón máis longo en décadas
O peche de Lavacolla arrincou o 23 de abril e estenderase até o 27 de maio, un período de 35 días que representa a interrupción máis prolongada da historia recente do aeroporto compostelán. A actuación, que non se acometía desde 2008, consistiu na rexeneración completa do pavimento da pista, unha intervención aprazada durante anos e que Aena consideraba xa imprescindible para garantir a operatividade da instalación.
Durante este tempo, Aena xestionou o desvío de 1.486 voos, a gran maioría deles redirixidos ao aeroporto de Alvedro, na Coruña, que asumiu o groso do tráfico galego sen rexistrar incidencias graves. A Xunta habilitou ademais un servizo de autobús lanzadeira entre a estación intermodal de Santiago e o aeródromo coruñés para facilitar os desprazamentos dos pasaxeiros afectados.
Un golpe duro para a economía local
O impacto do peche sobre o tecido económico vinculado ao aeroporto foi considerable. As estimacións do sector apuntan a que as tendas e establecementos de restauración da terminal acumularán perdas superiores a cinco millóns de euros pola desaparición durante cinco semanas do tránsito de preto de 300.000 pasaxeiros. Fóra da terminal, o sector do aluguer de vehículos foi un dos máis castigados, con previsións de caída de negocio de entre o 70 % e o 95 % e o cesamento de actividade de polo menos dúas empresas, Record Go e Drivalia, que operaban nas inmediacións de Lavacolla.
O sector hoteleiro e turístico de Santiago tamén resentiu o parón en plena primavera, unha tempada crave polas pontes festivas, os congresos e o fluxo de peregrinos do Camiño de Santiago.
Escribe o teu comentario