Galicia fala en galego e tamén en español. Aquí non se discrimina a ninguén, nin polo seu idioma, nin pola súa orixe. Somos unha sociedade aberta e multiracial, e cada vez serémolo máis.
Desde fai varias xeracións sabemos o que é emigrar e ser cidadáns do mundo á forza, por iso comprendemos tan ben aos refuxiados ou aqueles que a miles estrañan a súa terra, pero aínda non poden regresar.
Os nosos primeiros pasos, tras adquirir a marca, foron elaborar un diario bilingüe dunha forma natural e conxunta, no mesmo espazo.
A partir de agora, ímolo facer colocando cada idioma na súa propia portada coas seccións pertinentes, pero coa facilidade técnica de cambiar dun a outro sen maior problema. Tentamos que o galego estea ao mesmo nivel de contidos que o castelán, como xa facemos en Catalunya co catalán e o castelán, que ten lectores diferenciados e moitas veces coincidentes.
Se lles serve para algo de referencia, os agora dous diarios están feitos por xornalistas galegos que traballan en Galicia e por este editor galego que vive na diáspora. Asi tamén reflectimos a realidade do noso pobo, onde as viúvas dos vivos das que falaba a gran Rosalía ou o Fuco Buxán labrego esfarrapado que cantou Celso Emilio Ferreiro, tamén están presentes e mírannos desde o ceo con xenerosa compracencia.
Non seremos diferentes pois aos outros diarios de Galicia, decátense as autoridades competentes que nos seguen mirando cun sospeitoso receo, coma se o pretender ser diferentes fose un pecado orixinal insuperable.
Os máis de vinte mil lectores que nos outorga Google Analitics e a OJD en menos dun ano, dinnos que non estamos equivocados, porque ademais, como non facemos trampas coas máquinas, nin tampouco cos posicionadores e moito menos campañas de promoción de produtos imperecedeiros, pois conformámonos con ser razoablemente cribles e útiles a Galicia e aos galegos.
Por iso, se a Vds. lles gusta --coma a min-- só ler en galego, apúntese a partir de agora a Galicia Press: Non os defraudaremos.
Escribe o teu comentario