Que está a pasar?

Manoel Barbeitos
Economista

Esa era a sensación que transmitían os dirixentes tanto do PSOE como de UP a noite electoral do pasado domingo 19 de xuño, despois de coñecer os resultados nas eleccións autonómicas andaluzas que daban unha maioría absoluta ao Partido Popular e significaban unha clara derrota tanto do PSOE A como de Por Andalucía (UP). A sensación de non entender o que estaba a pasar. 

 

De non entender como os partidos que integran o Goberno máis progresista da historia de España van de derrota electoral en derrota electoral (Madrid, Castela-León, Andalucía) por mor de que son as clases populares quen os abandona.


Con seguridade de que estes dirixentes nin nos seus peores soños esperaban ter que afrontar nesta lexislatura (2019/2023) os graves problemas cos que se están atopando. Así, por se non fose suficiente, a recesión económica coa que iniciaron o seu mandato, como herdanza do Goberno anterior do Partido Popular (M. Rajoy), no transcurso da actual lexislatura explotarían unha pandemia da COVID-19 (marzo 2020)  e unha guerra en Europa (febreiro 2022). 

 

Fenómenos exógenos que viñeron agravar a situación recesiva, pois a unha crise de demanda sumouse unha de oferta. A caída da actividade, o comercio e o emprego xunto a unha elevada inflación,serán algunhas das principais consecuencias deste triplo impacto recesivo que provoca que se dispare o malestar social, especialmente entre os cidadáns de rendas medias e baixas tal que se reflicte nunha perda de apoio electoral ao goberno de torno.

 

Unha perda de apoio que se acompaña dun ascenso das forzas conservadoras e totalitarias nunha dinámica moi estendida na Unión Europea non sendo España, por tanto, unha excepción como se pode ver analizando os resultados electorais destes anos: so 5 países da UE -ningún deles dos grandes- teñen o parlamento libre de partidos de ultradereita que xa están en 22 parlamentos e 5 gobernos. 


A este triplo impacto súmanse factores nacionais como, por caso, a evidencia de que nesta conxuntura o Goberno español de quenda (PSOE/UP) non parece quen de presentar nin un liderado sólido nin un goberno unido e solidario. Nin Pedro Sánchez é quen de transmitir unha imaxe de estadista nin o goberno de coalición é quen de evitar as repetidas batallas internas polo relato –con comportamentos dun  infantilismo e unha inmaturidade políticas inauditos-. 

 

Incapacidades que deterioran a súa imaxe a pesar de estar a aplicar unha serie de medidas de impacto que, aínda sendo insuficientes, permiten cualificar a leste Goberno como o máis progresista da democracia por ser quen maior atención está a prestar aos cidadáns de rendas medias e baixas, as clases populares.


Centrándonos en as eleccións andaluzas resulta claro que mentres o Partido Popular (PP) foi quen de afrontalas cun liderado sólido (Juanma Moreno) e un partido unido (PPdeA) as esquerdas (PSOE/UP) deron unha imaxe lamentable: Liderados débiles e cuestionados, disensións internas, prácticas de dubidosa democracia, descualificacións mutuas... factores que sumados aos anteriores seguramente axuden a entender mellor a lóxica dos resultados. 
 

Con este horizonte electoral afirmar que o Partido Popular (PP) vai gañar as próximas eleccións xerais non deixa de ser un exercicio moi ariscado dado o tempo que falta para que se celebren -decembro 2023- e as incertezas que voan sobre o futuro inmediato: Pandemia, guerra de Ucraína, inflación... 

 

A pesar diso, as esquerdas non deberan menosprezar a evidencia de que o lectorado non as xulga coa mesma vara de medir que as dereitas como, por caso, estamos a ver coa corrupción. Outro factor que inflúe  neste distinto baremo cidadán é o comportamento dos medios de comunicación e opinión subvencionados que son quen de tapar a corrupción das dereitas -a pesar de que, por caso, de hoxe ao 2027 o PP ten pendentes, so na Audiencia Nacional, 27 casos- á vez que constrúen un relato cheo de infinitas trolas sobre as esquerdas. 

 

O mesmo sucede cun sector, non moi numeroso, pero si moi influente do poder xudicial: Compárese, por caso, o trato xudicial ao Partido Popular e a Unidas Podemos.

 

O presidente do Goberno de España , Pedro Sánchez, comparece tras a reunión do Consello de Ministros Extraordinario, no Palacio da Moncloa, ao 22 de xuño de 2022, en Madrid (España).
Presidente do Goberno, Pedro Sánchez


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE