A marcha a Madrid de Alberto Núñez Feijóo despois de 13 anos de exercer como Presidente da Xunta, sempre co apoio dunha maioría absoluta parlamentaria, dálle pé a facer un balance da súa xestión en todo este tempo.
Un tempo no que Galicia, como practicamente toda Europa, coñeceu unha crise bancaria (2008), unha crise do euro (2010), unha pandemia (2020) e agora o impacto da guerra en Ucraína (2022). Uns tempos e uns acontecementos que, vista a súa xestión, poñen en evidencia como o señor Feijóo e o seu equipo (PPdeG) nunca foron quen nin de entender a natureza e a dimensión dos cambios que se estaban producindo nin de, utilizando tanto as potencialidades propias como as compartidas co Goberno central ademais das axudas que viñan da Unión Europea, impulsar desde a Xunta aquelas transformacións que a realidade económica e social de Galicia esixían.
Repasemos: a súa actuación fronte a crise bancaria facilitaría a desfeita das caixas de aforro galegas que eran fundamentais no mercado monetario autóctono. Certamente que non toda a responsabilidade foi do Goberno galego, pois o Banco de España non foi menos responsable, pero resulta indiscutible que, seguramente por non chegar a entender a dimensión da crise bancaria, aquel non foi quen de impedir a desfeita deixando así na memoria colectiva unha sensación de clara incompetencia.
Tampouco o señor Feijóo e o seu equipo foron quen de ver que o final da crise financeira deixaba aos galegos e galegas, do mesmo xeito que no conxunto dos españois, unha clara insatisfacción coa marcha da economía e a sociedade xa que, por caso, a desigualdade disparábase como demostraba a crecente distancia entre as rendas do capital e do traballo na distribución da riqueza galega. A súa resposta foi a de sumarse, coa aplicación dun alumno avantaxado, ás políticas de austeridade compulsiva que tiveron o seu reflexo tanto nos axustes fiscais nos servizos públicos máis importantes (atención sanitaria, vellez, infancia, exclusión...) canto na precarización laboral.
Fronte o desastre sanitario provocado pola pandemia, e contra toda lóxica, o señor Núñez Feijóo aproveitou as dificultades do momento para comparar co Goberno central (PSOE/UP) cando o que se requiría, dada a dureza do impacto, era a colaboración entre todas as administracións públicas, pero baixo a dirección do goberno central. Ao tempo poñíanse en evidencia os negativos efectos das privatizacións e as reducións do persoal e medios nos servizos públicos asistenciais (residencias de maiores, hospitais, centros de atención primaria).
En todos estes anos quedou sempre de manifesto a ausencia dunha estratexia, dunha mirada política máis aló do inmediato. A incapacidade de fixar outros obxectivos que non fosen os da permanencia no poder. Os resultados están á vista: unha Galicia máis pobre, máis envellecida, con menos emprego e peores salarios, cunha mocidade que se ve forzada a emigrar por non atopar un traballo decente no seu país, un sector agrario nunha encrucillada vital, unha industria que desfallece e uns servizos públicos que cada vez cobren menos as necesidades da poboación galega.
Para máis bochorno cando, por mor da pandemia e a guerra en Ucraína, enfrontámonos a unha serie de retos cada cal máis relevante e de urxente solución o señor Feijóo deixa o barco, esquece as súas promesas de permanecer en Galicia e vaise para Madrid.
Escribe o teu comentario