Días atrás o señor Núñez Feijóo anunciaba a súa candidatura ás primarias do Partido Popular. Non houbo lugar para as sorpresas pois era algo que estaba moi anunciado e que a crise de liderado do seu partido (PP) non fixo máis que facilitar. Se a elección do señor Núñez Feijóo como presidente do Partido Popular está cantada e, por tanto, a súa candidatura á presidencia do Goberno de España nas próximas eleccións xerais parece obrigada, outra cousa moi distinta e que, como xa anuncian os seus faladoiros amigos, a vitoria nas mesmas preséntese como practicamente feita.
O escenario político está tan cheo de incógnitas, e son tan importantes as mesmas, que vaticinar agora o resultado dunhas eleccións que, se se cumpren todos os prognósticos, non se celebrarán antes de finais do ano 2023 resulta moi arriscado e con altas probabilidades de equivocarse.
Un escenario no que dous fenómenos de carácter internacional -a guerra de Ucraína, a pandemia da COVID-19- marcarán o futuro de Europa e, por tanto, de España. En relación ao conflito bélico, non se debería perder de vista de que pode ter un final, non probable pero posible, que sería catastrófico. O feito de que un dos contendentes sexa unha potencia nuclear (Rusia) fai que a pantasma do fin da vida no planeta voe sobre o escenario internacional. En relación á pandemia, existe a convicción científica de que a pesar dos avances conseguidos coas vacinas non temos a certeza de que non haberá novos brotes. Guerra e pandemia, que fan que no horizonte apareza con forza a ameaza dunha estanflación -estancamento con inflación-. Neste escenario, está por ver que posición ocupará o Partido Popular agora dirixido por Alberto Núñez Feijóo: continuará na liña anterior de utilizar a pandemia e a guerra para comparar co goberno español de quenda (PSOE/ UP) ou cambiará o rumbo e comportarase como corresponde a un partido con visión de estado?
Por moito que lle tente lavar a cara ao seu partido (PP) o señor Feijóo non vai poder evitar, por caso, que continúe o peregrinar de relevantes dirixentes polos xulgados por mor dos numerosísimos casos de corrupción nos que aparecen implicados e que non cesan como estamos a ver agora coa señora Ayuso. A corrupción seguirá pasando factura e poñerá a proba o seu liderado, como tamén o farán as ambicións e os personalismos de moitos dos dirixentes territoriais (Ayuso, Moreno, Mañueco) que non está claro que o vaian a aceptar como líder indiscutible. Unha proba vimos de ter recentemente e afecta a imaxe liberal con que o señor Feijóo tenta vestir a súa candidatura. Estou a referirme á situación en Castela e León: xa sabemos que nesta comunidade o PP vén de cederlle a Vox nin máis nin menos que a presidencia das Cortes, unha vicepresidencia e tres Consellerías. Estamos así diante dun caso único en Europa no que un partido de extrema dereita ocupa tales cargos. Un pacto que o Presidente do Partido Popular europeo vén de desaprobar. Non parecería que o señor Feijoo se vaia a librar facilmente do abrazo do oso da extrema dereita, algo necesario se realmente quere facer crible a imaxe de político liberal.
Moitas, moitas son as incógnitas como para poder asegurar que o camiño do señor Núñez Feijóo a Moncloa vai ser distinto ao que parecía asignado ao seu predecesor o señor Casado. Iremos vendo.
Escribe o teu comentario